MOS (MORRAZO-tribuna) .- O Concello de Mos asume responsablemente pagos atrasados de axudas e financia o
25% dos traballos na vía Peinador - Louredo .
A obra de mellora da seguridade vial nesta estrada custará máis dun millón de
euros cuio 75% será subvencionado pola Deputación e o resto asumirao o Concello
No pleno ordinario do mes de maio que se celebrou esta tarde aprobáronse tres
puntos que son considerados “de gran importancia” polo equipo de goberno local
mosense. Trátase do convenio coa Deputación de Pontevedra para levar a cabo as
obras de mellora da seguridade vial na estrada Peinador – Louredo, da dación de
conta do informe técnico do arquitecto municipal sobre as obras de conservación,
reforzo e rehabilitación estructural do firme na Nacional 550, no tramo
Redondela – Porriño, que inclúe a construcción da glorieta de Amieirolongo; e
dun recoñecemento extraxudicial de crédito para afrontar o pago das ‘Axudas a
Xuntanzas Veciñais’do pasado ano 2008, que os anteriores dirixentes municipais
deixaron sen sufragar.
En canto ás obras de mellora da seguridade vial na estrada Peinador – Louredo, a
Alcaldesa, Nidia Arévalo, informou de que o orzamento total destinado a estes
traballos ascende a 1.207.481,64 euros, do cal a Deputación Provincial asumirá
o 75%: 905.611,23 euros; e o Concello de Mos farase cargo do 25% restante, que
supón unha catidade de 301.870,41 euros que serán pagados en tres anualidades:
unha no presente 2009, outra no 2010 e a terceira no ano 2011.
Sobre a rehabilitación e reforzo estructural da N-550 no tramo que vai de
Redondela ó Porriño, a rexedora local asegura que “o Concello de Mos velará
porque se garanta a entrada a tódolos particulares que teñen propiedades na
zona” e declarou que “onte estivo Faustino Rubio, enxeñeiro representante do
Ministerio de Fomento, visitando o vial a pé de obra, e recoñeceu que había
entradas que non se estaban a contemplar e, polo tanto, non se estaban
respectando”.
O recoñecemento extraxudicial de crédito aprobado hoxe en pleno para pagar as
‘Axudas a Xuntanzas Veciñais’ de 2008 é o cuarto que se aproba no que vai de
ano para afrontar pagos atrasados do anterior equipo de goberno. Neste caso o
importe ascende a 3.140 euros, que se destinarán íntegramente a liquidar o pago
de ditas axudas. Neste sentido Arévalo pronunciouse dicindo que “en xeral, dende
o Concello consideramos necesario, incluso imprescindible para levar a cabo unha
xestión política responsable, proceder ó pagamento das facturas relativas a
gastos realizados en anos anteriores, toda vez que os servicios constan como
recibidos”.