VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez Casado reiterou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia de favorecer calquera iniciativa que conleve o mantemento da planta que a empresa Leche Pascual posúe na localidade luguesa de Outeiro de Rei e a continuidade dos postos de traballo. Así o manifestou hoxe, logo de manter unha reunión cos representantes do Comité de Empresa da factoría.
O conselleiro relatou que durante a xuntanza mantiveron un intercambio de opinións sobre a situación que atravesa a planta. Nela, o titular de Medio Rural expuxo polo miúdo o interese que ten para a Xunta de Galicia que non se paralice a produción nesta fábrica leiteira luguesa e, nese sentido, amosou a disposición do departamento que dirixe por favorecer calquera iniciativa empresarial para sacar adiante un plan industrial diferente co obxectivo de manter a actividade en Outeiro de Rei, ou calquera proposta de tipo cooperativo que puidera facerse cargo da planta e producir desde este municipio.
O conselleiro explicou que para concretar este respaldo necesítase dun proxecto concreto que defina cales son os apios necesarios e de que maneira de poden artellar. “O que si lles asegurei é que politicamente a Xunta está comprometida en favorecer dentro das súas posibilidades a continuidade da actividade”, remarcou Juárez.
Na súa intervención ante os medios, reiterou a disposición da Xunta a ter “todo o celo necesario” para que os dereitos dos traballadores se respecten dentro de todo este proceso. “É evidente que os traballadores non poden ser as vítimas desta situación -dixo o titular de Medio Rural-, e o interese da Xunta por este asunto non só reside no prexuízo que poida ocasionar esta situación aos empregados da factoría senón para todo o sector gandeiro que está en torno á actividade da empresa e que está sufrindo moito a redución da actividade desta planta”.
Clima de entendemento
Respecto ás manifestación convocada hoxe polo Sindicato Labrego Galego para protestar porque dúas granxas da Mariña non rexistran recollida de leite, Samuel Juárez expresou o seu desexo de poder ter “unha pronta solución” para o problema que atravesan estas dúas explotacións. Así mesmo, lamentou que esta situación dea pé a que se organicen este tipo de accións reivindicativas posto que non benefician “para nada“ que se resolva o conflito do sector leiteiro en Galicia xa que “non favorecen un clima de entendemento nin a busca de solucións entre todos”, concluíu.