02 julio 2009

Avanzan los proyectos WIMAX por la provincia de Pontevedra

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Deputación de Pontevedra, reunida hoxe en Xunta de Goberno, resolveu favorablemente aprobar a adxudicación provisional do procedemento aberto para a contratación do servizo corporativo de telecomunicacións de banda ancha nos proxectos wimax rural de carácter experimental que desenvolve na provincia.
O procedemento aberto divídese en dous lotes: un primeiro proxecto piloto para probar a tecnoloxía Wimax na banda de frecuencia de 2,5 Ghz nos concellos de Agolada, Meis e Arbo e un segundo, que terá por obxecto probar a frecuencia de banda de 3,5 Ghz nos concellos de Meis, Arbo e Pazos de Borbén. O primeiro lote foi adxudicado á empresa R Cable e Telecomunicaciones Galicia, S.A., por 233.636 euros e o segundo, á empresa Iberbanda por 236.640 euros.
O plan de implantación do Wimax Rural da Deputación desenvolverá esta experiencia piloto en 25 fogares dos primeiros catro concellos, elixidos polas súas peculiaridades orográficas e nivel e dificultades de implantación de novas tecnoloxías.
A seguinte fase, logo da aprobación do expediente de contratación do servizo, será o despegue da rede, con instalación de torres e enerxía, equipos Wimax e de radioenlaces así como de interconexión coa rede da operadora.
A continuación, a Deputación iniciará unha identificación das necesidades reais de cobertura e das infraestruturas existentes, así como comprobar a dispoñibilidade dos terreos para instalar as infraestruturas precisas.
Proxecto Wimax Rural
A Deputación de Pontevedra está acometendo os traballos deste proxecto que ten un presuposto inicial de 6.693.868,53 euros, dos cales 4.685.707,97 proceden dos fondos FEDER. A Deputación aporta 1.338.773,71 euros e os concellos adheridos ao convenio de colaboración 669.386,85 euros en total.
Os concellos que se adheriron ó proxecto son 55 dos 62 da provincia. Por decisión propia, non se adheriron os de Vigo, Pontevedra, Cangas, Vilagarcía, A Estrada, Redondela e Marín que optaron, pola súa conta, a outros proxectos dos citados Fondos FEDER.
O proxecto Wimax Rural en Pontevedra ten o obxectivo de dotar de acceso a Internet de Banda Larga aos cidadáns e empresas fundamentalmente do medio rural da provincia de Pontevedra a un prezo asequible. A súa implantación procurará mellores servizos para os cidadáns e empresas da provincia de Pontevedra.