Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz e a viceportavoz do Grupo
Parlamentar do BNG, Carlos Aymerich e Ana Pontón, ofreceron esta mañá unha
rolda de prensa para facer un balanzo de lexislatura que oficialmente remata
hoxe e da que salientaron “o traballo constante do BNG para levar á Cámara
Galega os problemas do país, fronte a un Goberno do PP inactivo e que o único
que fai ben é destruir”.
En concreto, Carlos Aymerich referiuse á eliminación dos “tímidos” avanzos na
normalización da lingua galega que se deron no Goberno bipartido; a
privatización de servizos públicos como a sanidade, ou a eliminación de
medidas sociais como a gratuidade dos libros de texto.
“Seguimos sen saber nada das propostas de Feijóo para o
financiamento autonómico”
O portavoz parlamentar do BNG denunciou o “desleixo e desinterese” cos que
o Goberno do PP está a afrontar os problemas de Galiza. No caso da
negociación do financiamento autonómico mostrou a súa sorpresa “porque
parece que a reunión de onte entre Feijóo e Chaves foi fantástica, pero de
resultados e números enriba da mesa non temos nada de nada”.
“Onde están os cálculos que fai o Goberno de Feijóo? Cal é a postura que está
a defender? Non sabemos nada de nada”, criticou o deputado nacionalista.
Por iso, conminou ao presidente galego a que “dunha vez comece a defender
os intereses do país”.
Entrada de capital privado nas infraestruturas públicas
Ademais, Carlos Aymerich denunciou a “atitude sumisa” do presidente da
Xunta ante os prazos propostos polo Goberno Central para as grandes
infraestruturas galegas. “Agora parece ser que imos ter AVE coa Meseta para
finais de 2015 e o Goberno español presenta isto como unha sinal de bó trato
para Galiza cando Madrid leva conectado con Andalucía, Cataluña e
próximamente Valencia dende hai anos. Nós queremos infraestruturas dignas
para o noso país e a poder ser construidas no século XXI”, subliñou.
“O Parlamento Galego non pode irse de vacacións en xullo cando a
xente está padecendo tantos problemas”
Por outra parte, o portavoz parlamentar do BNG demandou que o Parlamento
Galego declare hábil o mes de xullo para seguir traballando. Considerou que
non sería de recibo “marchar de vacacións mentras están sen resolver o
modelo de financiamento autonómico; mentres os traballadores do metal
seguen sen convenio; mentres non se asine o protocolo de infraestruturas ou
mentres non saibamos qué vai pasar coas caixas de aforros coa nova reforma
do Goberno Central,que pode provocar a súa absorción por entidades de fóra”.
“O BNG non se vai ir de vacacións en xullo. Esperamos que os demais grupos
apoien a nosa solicitude porque sería bó que, polo ben de Galiza, traballáramos
todos e todas” , concluiu.
Actitude antidemocrática do PP para minimizar o papel do BNG
Pola súa parte, a viceportavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón,
denunciou a “atitude antidemocrática” do PP “que considera ao Parlamento un
apéndice do Goberno e quere minimizar a capacidade do BNG para levar ao
Parlamento temas que lles procupan aos galegos e galegas”.
Ana Pontón advertiu de que con esta actitude “o PP intenta ocultar a falta de
iniciativa e de capacidade do Goberno para resolver os problemas do país,
como medidas de apoio ao sector lácteo, a resolución do conflito do metal;
recortes sociais como a supresión da gratuidade dos libros de texto ou os
intentos de privatización dos servizos públicos”.
A viceportavoz nacionalista salientou o intenso traballo do BNG durante estes
meses con máis de 1.300 iniciativas presentadas. Porén, denunciou que debido
ás limitacións “inxustas e antidemocráticas” impostas polo PP “o 86% das
iniciativas do BNG en Pleno e o 91% das presentadas en Comisión quedaron
sen tratar”.