Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quer realizar unha avaliación de urxencia en relación á abstención de Galiza no Consello de Política Fiscal e Financeira que hoxe submeteu a votación o novo sistema de financiamento.
“A abstención galega non a decidiu o Goberno galego. Decidiuna a sede Génova e o señor Rajoy. Feijóo demostrou a nula autonomía política de que dispón”, avalía Guillerme Vázquez.
“A posición de Feijóo é ao final tan vacilante como durante a negociación: nen si nen non nen todo o contrario”, di o portavoz nacional do BNG.
“Cando todas as comunidades autónomas gobernadas polo PP votan o mesmo o que se evidencia é que o fan non en función de se saen mellor ou peor paradas no novo sistema de financiamento, senón en función dos intereses políticos do Partido Popular a nível estatal”, valora o líder nacionalista.
“Quen se vai tomar en serio agora ao señor Feijóo nunha negociación se finalmente quen decide non é el, senón o señor Rajoy”, pergúntase o portavoz nacional do BNG.