05 julio 2009

Nuevo discurso de la Xunta sobre la prioridad de la depuradora de Vigo...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reitera, unha vez mais, que a depuradora de Vigo é unha prioridade para a Xunta de Galicia, que está a traballar con intensidade para desbloquear o antes posible a situación e sacala do punto morto no que a deixou o goberno bipartito.

Para elo, e a solicitude do propio departamento autonómico, o conselleiro Agustín Hernández manterá a vindeira semana unha reunión coa ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, á que acude coa mellor das disposicións para poñer enriba da mesa fórmulas concretas e construtivas que fagan viable esta infraestrutura no prazo mais curto de tempo.

En relación cos 150 millóns de euros que se recibirán do Banco Europeo de Inversións, trátase dun crédito para o financiamento de obras de saneamento contratadas ou en execución en toda Galicia que suman un total de 300 millóns de euros. Non se trata, polo tanto, de fondos adicionais, senón de diñeiro para aportar liquidez aos compromisos presupostarios asumidos polo bipartito, que deixan o orzamento de Augas de Galicia sen marxe para asumir, entre outros proxectos, o convenio da depuradora de Vigo.

Por outra banda, segundo establecen as condicións da Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia, e tal e como amosa o certificado do Servizo de Xestión Orzamentaria do organismo autónomo Augas de Galicia, o límite legal de endebedamento deste organismo ata o 2013 é dun máximo de 36 millóns de euros. A pesares de coñecer perfectamente esta situación, o ex-conselleiro Manuel Vázquez negociou co Goberno central un borrador que establece para Augas de Galicia un pago de 115 millóns de euros ata o 2014, comprometendo unhas anualidades que fan que dito convenio sexa completamente inasumible pola actual Xunta.

Ante esta situación, a Consellería de Medio Ambiente solicitou ao presidente da Confederación Hidrográfica a posibilidade de diferir o pago da Xunta en mais plurianualidades, proposta na que volverá a insistir ante Elena Espinosa. Neste sentido, lémbrase que o borrador do convenio negociado polo bipartito establece que Acuanorte, organismo estatal que se encargará da licitación e a execución da obra, “poderá acudir aos mercados financeiros para obter créditos de tesourería que permitan financiar os desfases temporais entre os pagos e os cobros das fontes de financiamento”.