02 julio 2009

A vueltas con las ayudas
para los libros de texto

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere reafirmar que o seu modelo de gratuidade solidaria para a compra de libros garante que todas as familias con ingresos ‘mileuristas’ terán axudas para a compra de libros. Estas familias entran dentro dos ‘niveis de protección’ establecidos polo novo modelo, sexa cal sexa o seu número de fillos.

Dende a Consellería quérese denunciar o uso e a manipulación demagóxica das cifras por parte dos partidos da Oposición. Cabe preguntarse por que os partidos do Goberno Bipartito non prestaron ningunha atención especial ás familias mileuristas cando o seu modelo de préstamo as deixaba ao mesmo nivel que as rendas máis altas.

Hai que lembrar que co modelo de préstamo universal era unha enganosa medida universal que non reparaba nos ingresos ou necesidades específicas das familias. Fronte a isto, o novo modelo garante que as familias máis desfavorecidas terán garantida a gratuidade, mentres que as rendas medias verán cuberto gran parte do custo dos libros.

O modelo de préstamo era un sistema insolidario, populista e claramente deficitario cun alto custo para a Administración. Fronte a isto, o sistema de axuda a compra permitirá un substancial aforro nos próximos catro anos, pasando dos 73 millóns do sistema de préstamo a 49 millóns. Unha cantidade destinada ás familias con menos recursos e non a todo o conxunto da poboación, teña ou non dificultades para adquirir os libros.

O novo modelo irase implantando progresivamente este ano e comezará nos cursos de 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria, sumándose 1º e 3º da ESO no curso 2011-21. A partir do 2012-13 estará implantado en todos os niveis. Esta implantación por fases non obedece a unha “trampa contable”, tal e como afirma o PSdeG, senón a evitar dispendios innecesarios que son máis propios da xestión dese partido durante a lexislatura pasada.

Tampouco é certo que este modelo vaia resultar máis caro unha vez que estea plenamente implantado. A partir do curso 2012-13, cando o sistema de ‘gratuidade solidaria’ funcione en todos os cursos, o custo ao longo do ciclo de catro anos será netamente inferior respecto dos 73 millóns do sistema de préstamo. En ningún caso se chegará aos 85’5 millóns que mantén o PSdeG, cálculos que só poden partir de estimacións erróneas ou da vontade manifesta de enganar e confundir á poboación.