14 octubre 2009

Tribuna Libre

A FAVEC demanda un maior compromiso social coas persoas empobrecidas

A semana contra a pobreza que se celebra estes días debería servir para introducir a reflexión de que é prioritario un maior investimento no social fronte ás grandes obras faraónicas

A Federación Veciñal de VIGO quere manifestar o seu apoio ao traballo que a Rede Social Galicia Sur está a desenvolver nesta semana mundial de loita contra a pobreza para concienciar a toda a cidadanía da necesidade ser sermos máis solidarios e lembrarnos que aínda son moitas as problemáticas e desigualdades que xenera a pobreza, así como os compromisos por cumprir.

Queremos salientar a importancia de que existan organizacións como a Rede Social Galicia Sur que integra a 27 ong´s de toda Galicia para traballar nunha mesma dirección na loita contra a pobreza. Resulta imprescindible que existan entidades capaces de achegar á cidadanía valores de solidariedade, de facernos partícipes do que está a suceder no mundo e na nosa comunidade e de lembrar ás administracións cales son os seus compromisos adquiridos como o de alcanzar o 0,7% de axuda ao desenvolvemento.

A FAVEC vai estar en todas e cada unha das actividades que se promovan para recabar a axuda das administracións, para reclamar que se cumpran todos e cada un dos compromisos adquiridos contra a pobreza; un fenómemo que ten moitas caras como o das persoas sen teito que malviven na nosa cidade para as que levamos xa moitos anos pedindo que se constrúa un albergue, onde sexa pero que se lles proporcione un teito en lugar de olvidalas como tantas e tantas promesas.

Xosé Couñago Ribeira Elena González Sánchez
Secretario FAVEC Presidenta FAVEC