08 octubre 2009

Como cada jueves, completa referencia en MORRAZO-TRIBUNA del Consello de la Xunta

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI
O DÍA 8 DE OUTUBRO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO


DECRETOS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

• Decreto polo que se modifica o Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica

• Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado “Eixo de comunicación A-52-Fronteira portuguesa. Treito I: vac A52-Celanova Sur. Treito II: Celanova Sur-Fronteira portuguesa. Clave OU/01/101.01.75”

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

• Decreto polo que se modifica o Decreto 279/2008, do 11 de decembro, polo que se crea e regula o Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores


ACORDOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e a entidade Fundación Dominicana para la Solidaridad, Inc, para a execución do proxecto: Fortalecemento institucional das organizacións da sociedade civil (FIOSC) no barrio de Sta. Lucía/La Mosca en Santiago de los Caballeros. República Dominicana. 2º fase de execución 2009-2010, polo importe de cento doce mil cincocentos noventa e oito euros (112.598,00 €)

• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia (Reino de España), por medio da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e a Fundación de Desarrollo Loma y Salud, Inc. (FUNDELOSA), para a execución do proxecto: Diminución da incidencia de enfermidades no barrio de Sta. Lucía/La Mosca, en Santiago de los Caballeros. República Dominicana. II Fase de Execución 2009-2010, polo importe de cento cinco mil corenta e sete euros (105.047,00 €)

• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e a Cámara de Comercio y Producción de Santiago, Inc, para a execución do proxecto: Mellora das condicións de acceso á permanencia ao emprego dos traballadores informais do vertedoiro de Rafey e do barrio da Mosca-Sta. Lucía en Santiago de los Caballeros. República Dominicana. II fase de ejecución 2009-2010, polo importe de douscentos sesenta e seis mil catrocentos e nove euros (266.439,00 €)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a entidade Arquitectos sin fronteras para a execución do proxecto de mellora das condicións de habitabilidade básica no marco do programa OXLAJUJ TZ’IKIN. Guatemala

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

• Acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co concello de Cervo para a execución da obra: “Anteproxecto de colectores xerais e EDAR de Cervo. Concello de Cervo (Lugo)”

• Acordo polo que se autoriza a colaboración técnica e financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello coruñés de Negreira para a construción dun punto limpo

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

• Acordo polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico singular denominado Arteixo (Concello de Arteixo), como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, a Confederación Provincial de Empresarios de Pontevedra (CEP), e a Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), para a elaboración dunhas análises para fomentar a enerxía fotovoltaica nas cubertas das naves dos parques empresariais da provincia de Pontevedra (plan piloto) e posterior extensión ao resto de parques da Comunidade Autónoma Galega

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre o Ministerio de Vivienda da Administración do Estado, a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, para a realización e financiamento das obras de remodelación da praza de abastos de Santiago de Compostela

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

• Acordo polo que se autoriza a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación ECCA na formación de persoas adultas, para a obtención do título de graduado en educación secundaria e se autoriza a plurianualidade do gasto nel previsto

CONSELLERÍA DE SANIDADE

• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e a organización non gobernamental Médicos do mundo, para a prevención do VIH/SIDA, doutras infeccións de transmisión sexual e da tuberculose, por un importe de setenta e catro mil euros (74.000 euros)

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

• Acordo polo que se autoriza a subscrición dunha addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, para o financiamento da conservación e posta en valor da Muralla de Lugo e os restos arqueolóxicos anexos á Porta de Santiago e ao edificio cultural da Vicerreitoría, fase II

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

• Acordo polo que se autoriza a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a concesión de pagamentos á conta e pagamentos anticipados aos grupos de desenvolvemento rural, no marco do programa de subvencións Leader Galicia 2007-2013

INFORMES

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Informe sobre traspasos pendentes de pechar e outros novos traspasos


CONSELLERÍA DE SANIDADE

• Informe sobre o inicio da segunda fase da campaña de medicamentos xenéricos


POR PRIMEIRA VEZ AS DEPUTACIÓNS PROVINCIAIS E OS CONCELLOS FORMARÁN PARTE DA COMISIÓN DE COORDINACIÓN DE SISTEMAS DE INFORMACIÓN XEOGRÁFICA E CARTOGRAFÍA

• O Consello da Xunta aproba a modificación do decreto polo que se crea esta comisión, que tamén se adapta á nova estrutura da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
• Unha das funcións desta entidade é deseñar un Plan galego de cartografía e información xeográfica

O Consello da Xunta na súa reunión desta mañá aprobou o decreto polo que se modifica o Decreto 148/2003 polo que se crea a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica.

Por primeira vez, as catro deputacións provinciais e os concellos da Comunidade Autónoma formarán parte desta comisión, polo que esta novidade implica a adaptación da composición da comisión para dar cabida a estas institucións e a utilización do Sistema de Información Territorial de Galicia (Sitga) como soporte técnico para o desenvolvemento das funcións que están asignadas á comisión.

Outra das novidades desta comisión é a creación dun equipo de apoio técnico. O soporte técnico para o desenvolvemento das funcións da Comisión será presentado polo Sitga, dedicado á recompilación e tratamento de información do territorio galego, así como á produción cartográfica, sen prexuízo do que poida corresponder a outros servizos da Xunta de Galicia en función do seu carácter temático en relación coas competencias que lle son propias.

Unha das razóns que xustificaron a creación desta comisión baseábase na necesidade de acadar unha efectiva coordinación nos criterios técnicos de obtención da información e na elaboración de sistemas de información xeográfica (GIS) e a documentación cartográfica, adaptada ás novas tecnoloxías.

As funcións desta comisión son deseñar un Plan galego de cartografía e información xeográfica, a coordinación das actividades cartográficas da Xunta de Galicia, a creación e xestión dun inventariado de cartografía e de datos xeográficos a disposición das distintas consellerías e demais administracións públicas, dar soporte técnico ás comisión de Delimitación de termos municipais e de Toponimia e coordinar as peticións e solicitudes en materia cartográfica das distintas consellerías.

Cómpre sinalar que esta modificación tamén responde á necesidade de adecuar a composición da Comisión de Coordinación de Sistema á nova estrutura organizativa da xunta de Galicia e aos seus departamentos. Inicialmente, esta entidade estivo adscrita inicialmente á Consellería de Presidencia e posteriormente pasou a formar parte da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (Decreto 188/2007, do 27 de febreiro).

Composición
A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica estará composta polos seguintes membros: presidente, que será o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; vicepresidente, cargo ocupado polo conselleiro de Medio Rural; uns vogais, que será unha persoa representante de cada as consellería con categoría de secretario xeral ou director xeral; o director do Instituto Galego de Estatística; o director do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec), o secretario da Comisión de Delimitación Territorial da Consellería de Presidencia, un representante da cada deputación provincial, un representante da Federación galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, e un representante do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Cómpre sinalar que no relativo aos custos derivados da modificación deste decreto, a aprobación deste decreto non leva consigo custo adicional ningún para a Administración e contou co conformidade e o informe favorable da Fegamp.

A XUNTA INVISTE PRETO DE 130 MILLÓNS DE EUROS PARA A CONSTRUCIÓN DO EIXO ENTRE A AUTOVÍA DAS RÍAS BAIXAS (A-52) E A FRONTEIRA PORTUGUESA

• A previsión do departamento que dirixe Agustín Hernández é realizar o levantamento de actas no primeiro trimestre de 2010 e iniciar as obras no segundo trimestre para rematalas en 2012
• O proxecto de trazado do eixo de comunicación A-52 - fronteira portuguesa foi aprobado o pasado martes, 6 de outubro
• A infraestrutura inclúe unha autovía entre dende a A-52 ata Celanova e ten como obxectivo dinamizar a comunicación viaria no eixo Ourense-Portugal
• Esta actuación suporán unha mellora importante da seguranza viaria e a calidade de vida para máis de 150.000 veciños da provincia de Ourense

O Consello da Xunta na súa reunión de hoxe aprobou o decreto polo que se declara a utilidade pública desta obra, trámite previo á ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución do trazado Eixo de comunicación A-52 coa fronteira de Portugal. Trátase dunha infraestrutura divida en dous tramos, na cal a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inviste un total de 128 millóns de euros.

A autovía entre a A-52 e Celanova Sur está dotada cun orzamento de 112 millóns de euros e o segundo tramo, que discorre dende o sur de Celanova ata a fronteira portuguesa, implica un orzamento de máis de 16 millóns de euros.

Esta infraestrutura xa estaba incluída no Plan Galicia deseñado pola Xunta anterior ao Goberno bipartito. O contrato de concesión foi adxudicado á empresa Autoestrada Ourense Celanova, Sociedade Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A. e o proxecto de trazado foi aprobado o pasado martes, 6 de outubro.

A previsión do departamento que dirixe Agustín Hernández é realizar o levantamento de actas no primeiro trimestre de 2010 e iniciar as obras no segundo trimestre para rematalas en 2012.

Autovía Ourense-Celanova
Este eixo de comunicación estará conformado por unha autovía de nova construción entre a autovía das Rías Baixas e Celanova, que inclúe a variante de Celanova. O resto da actuación ata o límite con Portugal realizarase mediante a mellora e acondicionamento da estrada actual, incluíndo a construción da variante de Bande. Estas obras permitirán reducir a 15 minutos o tempo de percorrido entre Ourense e Portugal, o que supón un 40% menos que na actualidade.


Treito Lonxitude actuación
A-52 / Celanova Sur 18.7 Km
Celanova Sur- Bande Norte 7 Km

Variante de Bande 2.6 Km
Bande Sur- Fronteira portuguesa 3.8 Km
Total lonxitude actuación 32,1 quilómetros

Beneficios
A nova vía de alta capacidade ten como obxectivo dinamizar a comunicación viaria no eixo Ourense-Portugal e diminuír os tempos de percorrido, o que terá repercusións directas no aforro dos costos xeneralizados do transporte de persoas e de mercadorías, así como dos desprazamentos particulares.

Segundo os cálculos do departamento responsable das infraestruturas, aforarrase un 34% de tempo como media nos desprazamentos entre Ourense e Portugal, ao pasar dos 67 minutos actuais aos aproximadamente 50 minutos que levará o dito traxecto unha vez rematadas as obras.

O aforro máis notable terá lugar no tramo Ourense-Celanova, que pasará dos 25 minutos actuais a 15 minutos, é dicir, un 40% menos.

Treito Tempo actual Tempo futuro Aforro (%)
Ourense/ Celanova Sur 25 min 15 min 40 %
Celanova Sur/ Bande Norte 10 min 7.5 min 25 %
Variante de Bande 4.2 min 2.7 min 36 %
Bande Sur/ Fronteira portuguesa 27.6 min 24.2 min 12 %
Total eixo 67 min 50 min 34 %

As actuacións previstas neste eixo de comunicación contribuirán a mellorar a estrutura territorial arredor da actual estrada OU-540 (Ourense-fronteira portuguesa) e suporán unha mellora importante da seguranza viaria e a calidade de vida para máis de 150.000 veciños, concretamente os de Ourense, Celanova, Cartelle, Allariz, A Merca, Ramirás, A Bola, Verea, Gomesende, Quintela de Leirado, Pontedeva, Entrimo, Verea, Bande, Lobios, Lobeira, Muíños e Padrenda.


APROBADA A REGULACIÓN DO CONSELLO GALEGO DE ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES

• Os cambios se derivan da nova organización nas consellerías de Educación, Cultura, e Economía

O Consello da Xunta aprobou hoxe a nova regulación que afecta o Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores, un cambio que se produce a raíz das modificacións organizativas producidas nas consellerías de Educación, Cultura e Economía.

No sucesivo o Consello estará composto por un titular de Educación na presidencia, a vicepresidencia estará ocupada por un representante da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación. Do mesmo modo estarán representados a Secretaría Xeral de Universidades, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura na Consellería de Cultura e Turismo e outro da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria.

Xunto a eles nomearase unha persoa de prestixio no mundo da cultura, así como cinco persoas do ámbito das artes. Anteriormente no Consello había seis representantes das artes, e a redución obedece a adecuación da representatividade aos ámbitos existentes nas ensinanzas artísticas superiores actuais. Ademais haberá alguén do Parlamento de Galicia con coñecementos en ensinanzas artísticas, e que será proposto por un dos grupos políticos con representación parlamentaria, para exercer como secretario ou secretaria. En todos estes cambios continúase a aplicar a normativa de igualdade de xénero aprobada en 2004, e ampliada no 2007.

O Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores foi creado en 2008 como órgano consultivo e de asesoramento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para as políticas de coordinación e planificación das ensinanzas artísticas superiores en Galicia.



COOPERACIÓN GALEGA ACHEGA PRETO DE 1,2 MILLÓNS DE EUROS PARA PROXECTOS DE COOPERACIÓN EN GUATEMALA E A REPÚBLICA DOMINICANA

• Son catro convenios de colaboración con que se conclúen as dúas iniciativas de desenvolvemento integral que o Goberno galego está a desenvolver nestes países
• Estas iniciativas coinciden coa aposta firme da Xunta de Galicia pola continuidade da cooperación directa, tal e como recollía o Plan Anual de Cooperación Galega 2009

O Consello da Xunta aprobou esta mañá a sinatura de catro convenios de colaboración con que se darían por concluídas as dúas iniciativas de desenvolvemento integral (IDI) que o Goberno galego está a desenvolver en Guatemala e a República Dominicana. O orzamento para estes convenios é de 1.165.762 euros para os anos 2009 e 2010.

Estas iniciativas, coinciden coa aposta firme da Xunta de Galicia pola continuidade da cooperación directa, considerando que a Administración galega debe implicarse directamente na colaboración e na implantación e mellora dos sistemas públicos básicos (educación, saúde, servizos sociais, etc.), así como naqueles espazos a que non chegan outros axentes (xestión pública, descentralización, fortalecemento institucional, etc.), tal e como recollía o Plan Anual de Cooperación Galega 2009.

Oxlajuj Tz’ikin, Guatemala
O primeiro dos convenios de colaboración é para a execución do proxecto “Mellora das condicións de habitabilidade básica no marco do programa Oxlajuj Tz’ikin. Guatemala”. O convenio, asinado entre e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a entidade Arquitectos sen fronteiras, ten por obxecto a mellora das condicións hixiénico-sanitarias nas comunidades beneficiarias do programa a través da construción de infraestruturas habitacionais facendo uso de todos os recursos materiais e humanos dispoñibles nesas comunidades. O importe total deste acordo é de 681.678 euros, que se repartirán en dúas anualidades: 2009-2010.

O dito convenio encádrase dentro do Programa de Desenvolvemento Integral Oxlajuj Tz’ikin que a Cooperación Galega está a desenvolver en Champerico-Retalhuleu (Guatemala) e con el complétase o conxunto dos cinco convenios previstos para este ano no marco desta iniciativa. En total, a Xunta investirá neste programa en Guatemala 2.047.851 euros.

Trátase dun proxecto de ampla dimensión, xa que abrangue todas as actuacións necesarias para a construción de vivendas polos propios habitantes das comunidades, é dicir, cursos de formación e capacitación, adquisición de maquinaria e vehículos, construción das vivendas e dunha planta de fabricación dos materiais necesarios para construílas. Así mesmo, é de salientar que a dita infraestrutura, unha vez rematado o proxecto, seguirá funcionando co obxecto de continuar a actividade produtiva e, así, supor unha fonte de ingresos para as comunidades.

Esta actuación terá como beneficiarios directos 138 familias que verán melloradas as súas condicións de habitabilidade a través da construción e mellora de vivendas; mentres que, de xeito indirecto, afectará unhas 18.000 persoas que habitan nas comunidades, como consecuencia da mellora das súas condicións de salubridade e a disposición dunha planta de fabricación de materiais.

Santiago de los Caballeros, República Dominicana
Doutra banda, na edición de hoxe do Consello da Xunta aprobáronse outros tres convenios con diversas entidades de cooperación para realizar melloras no Barrio de Santa Lucía-La Mosca en Santiago de Los Caballeros (República Dominicana).

O primeiro asínase coa Fundación Solidariedad para executar o proxecto “Fortalecemento Institucional das Organizacións da Sociedade Civil (FIOSC) no barrio de Santa Lucía/La Mosca”. O segundo é para colaborar coa Cámara de Comercio e Produción de Santiago de Los Caballeros e ten por obxecto a “mellora das condicións de acceso e permanencia ao emprego dos traballadores informais do vertedoiro de Rafey e do barrio de santa Lucía/La Mosca”. O que se pretende con este convenio é contribuír ao desenvolvemento produtivo, económico e social do vertedoiro, creando as condicións para promover a competividade, o investimento, a oferta de emprego e a vinculación interna e externa dos actores.

O último dos convenios, asinados coa entidade Fundelosa é para a “diminución da incidencia de enfermidades de 489 familias no barrio de santa Lucía/La Mosca”. O descoñecemento das medidas de prevención, a dificultade de asistencia a centros de saúde por parte dos habitantes do barrio e a súa problemática ambiental fan que a Cooperación Galega decida actuar en asuntos como a atención médica, orientación e capacitación, realización de operativos médicos, fumigacións, formación de promotoras de saúde, etc.

Nos tres convenios trátase dunha segunda fase da execución dos proxectos, posto que estes convenios continúan coa estela co traballo que xa se viña desenvolvendo con anterioridade en estas zonas desfavorecidas.


O CONSELLO DA XUNTA APROBA A COLABORACIÓN TÉCNICO-FINANCEIRA CO CONCELLO DE CERVO PARA EXECUTAR UNHA NOVA ESTACIÓN DEPURADORA POR UN IMPORTE DE CASE 1,5 MILLÓNS DE EUROS

• A Xunta financiará o 100% das obras, que darán servizo a unha zona de máis de 1.500 habitantes e terán un prazo de execución de 12 meses
• As obras da nova EDAR contribuirán ao saneamento do río Xunco, á beira do cal se atopan as instalacións da fábrica de Sargadelos
• Dentro do acordo entre a Xunta e a Confederación Hidrográfica do Cantábrico para a realización de infraestruturas hidráulicas, o organismo estatal está executando a obra de colectores e depuradora en San Cibrao, adxudicada por 3 millóns de euros
• Esta Edar non contempla emisario submarino para a vertedura do efluente ao mar, polo que Augas de Galicia está iniciando a redacción do proxecto do dito emisario

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura dun acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello de Cervo, que ten como principal obxectivo a execución de anteproxecto de colectores xerais e unha nova estación depuradora neste concello lucense, ao cal se destinarán máis de 1.700.000 euros, dividido en tres anualidades.

Así, neste mesmo exercicio, a Xunta de Galicia fará un investimento de 175.275 euros; no ano 2010 achegaranse 1.477.469,10 euros; e no ano 2011 o gasto suporá un custe de 100.000 euros.

O departamento que dirixe Agustín Hernández financiará o 100% do custo das obras, que se executarán nun período de 12 meses e que ao seu remate darán servizo a máis de 1.500 habitantes dos núcleos de Cervo e Figueirido.

Este tipo de obras responden á colaboración que establece a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas coas entidades locais para o desenvolvemento de infraestruturas, debido a que os concellos teñen un orzamento insuficiente para poder financialas.

Obras a realizar
O organismo autonómico Augas de Galicia levará a cabo distintas actuacións, co fin de resolver as carencias da rede de saneamento dos núcleos de Cervo e Figueirido, que inclúen verteduras de augas residuais sen depurar ao río Xunco, polo que se propón a construción dunha nova estación depuradora con capacidade para dar servizo a máis de 1.500 habitantes, así como colectores que unidos á rede actual, levarán a auga á Edar. Tamén se realizarán melloras na rede de Figueirido.

As actuacións previstas para a zona de Cervo inclúen un novo colector de residuais estanco paralelo á marxe dereita do río Xunco, fóra da zona de servidume agás un pequeno treito, que levará as augas de Cervo ata a Edar. Tamén será necesario un bombeo con 25 metros de impulsión para elevar as augas residuais da rúa Soto e parte da rúa Xosé Álvarez ata a nova rede. Ademais, farase unha rede separativa para pluviais na rúa do Vilar, que verterá ao río Xunco, e na avenida de Galicia e rúa Xosé María Cao, que se conectará á rede de pluviais actual. En total empregaranse mil metros de tubaxe.

Así mesmo, en Figueirido porase na depuradora prefabricada existente unha reixa na arqueta de desbaste, a cal se dotará dun aliviadoiro e procederase á correcta execución do separador de graxas e da arqueta de inspección. Por outra banda, o colector actual repararase á súa chegada a esta depuradora, acometendo a mellora da coieira de protección deste colector nun treito de 180 metros que se atopa en mal estado.

Así mesmo, levarase a cabo a Edar, que terá capacidade para os referidos 1.500 habitantes, cun caudal medio de 290 m3 /día e cun caudal punta de 36,25 m3/hora, nunha parcela de 1.425 m2 que estará situada no concello de Cervo.

Por outra parte, os actuais elementos de depuración serán demolidos e retirados, facendo neste lugar un recheo e coieira de sostemento para ampliar a estrada actual.

Outras actuacións en marcha
Dentro do acordo entre a Xunta e a Confederación Hidrográfica do Cantábrico para a realización de infraestruturas hidráulicas na nosa comunidade, o organismo estatal está executando a obra de colectores e depuradora de augas residuais en San Cibrao, adxudicada por 3 millóns de euros, con capacidade para 8.000 habitantes. Esta Edar non contempla emisario submarino para a vertedura do efluente ao mar, polo que Augas de Galicia está iniciando a redacción do proxecto do dito emisario.



A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE FINANCIA O 100% DAS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DO FUTURO PUNTO LIMPO DO CONCELLO DE NEGREIRA

• O orzamento desta actuación ambiental ascende a máis de 200.000 euros e o prazo de execución é de 3 meses
• A Comunidade galega sitúase na vangarda no referente ao tratamento de residuos, ao dispoñer dunha sistemática xestión integral que garante o peche do ciclo iniciado coa recolla de residuos en orixe
• Galicia conta actualmente cun rede de puntos limpos formada por un total de 124 instalacións distribuídas entre as entidades locais de Galicia

O Consello da Xunta aprobou esta mañá un acordo polo que se autoriza a colaboración técnica e financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello coruñés de Negreira para a construción dun punto limpo.

O Goberno galego financiará o 100% do custo desta actuación ambiental, cuxo orzamento ascende a 211.637 euros, e que quedará instalado na parcela 15 do parque empresarial de Negreira, situado na estrada que leva a Muros.

Esta acción, que beneficiará os residentes deste concello coruñés, ten un prazo de execución de tres meses.

Para levar a cabo a construción e instalación deste punto limpo será necesario realizar movementos de terras, urbanización e axardinamento da zona, establecer colectores e a sinalización, así como unha caseta de recepción e outra para o almacenamento de residuos tóxicos e perigosos.

Este tipo de actuación é unha mostra clara da aposta do actual Goberno por unha adecuada valorización dos residuos. Na actualidade hai preto de 290 concellos que envían os seus residuos á valorización enerxética e 12 entidades locais apostan pola compostaxe.

Galicia na vangarda
Deste xeito, Galicia sitúase á vangarda no referente ao tratamento de residuos, ao dispoñer dunha sistemática xestión integral, consolidada e sustentable dentro do territorio nacional e comunitario que, coas infraestruturas dispostas nestes momentos, garante o peche do ciclo iniciado coa recolla fraccionada en orixe.

Esta progresiva incorporación dos concellos de Galicia a un adecuado tratamento dos seus residuos permitiu acometer as accións pertinentes para unha restauración dos espazos ocupados polos antigos vertedoiros

Cómpre recordar que é unha obriga da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas autorizar, vixiar, inspeccionar e sancionar aquelas actividades de produción e xestión de residuos no marco dos plans autonómicos de residuos. Por outro lado, a Administración autonómica establece unha colaboración técnico-financeira coas entidades locais para a execución de obras en materia de xestión de residuos, incluída a recuperación de espazos degradados por verteduras.

Rede de puntos limpos
Galicia conta actualmente cun rede de puntos limpos formada por un total de 124 instalacións distribuídas entre as entidades locais de Galicia. Deste número total, 111 foron construídos polo departamento da Administración galega con competencias en materia ambiental, mentres que os puntos restantes foron executados polo Consorcio das Mariñas, pola Deputación de Ourense e polas entidades locais.

Por provincias a distribución destes puntos limpos é a seguinte: na provincia da Coruña construíronse 36 puntos impos, dous deles con miniplanta de transferencia, e unha illa ecolóxica , ademais hai 8 puntos pertencentes ao Consorcio das Mariñas, dous ao concello da Coruña, un ao concello de Santiago de Compostela e outro ao concello de Ferrol.

Os técnicos de medio ambiente da Xunta veñen facendo visitas para controlar o bo funcionamento e as boas condicións destas instalacións. Dos resultados da súa actividade, que se iniciou no mes de marzo e que se prolongará ao longo destes meses, pódese extraer que das 108 instalacións visitadas, dous puntos limpos comezan a súa actividade de forma inmediata, 4 non se atopan operativos e o resto (un total de 102) están en funcionamento.

A XUNTA APROBA O PROXECTO DE INCIDENCIA SUPRAMUNICIPAL DO PARQUE EÓLICO SINGULAR DE ARTEIXO

O Consello da Xunta de Galicia autorizou aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado “parque eólico singular de Arteixo”, promovido polo Concello de Arteixo, despois de contar con todos os pronunciamentos favorables. As características técnicas do parque prevén un aeroxerador de 2.000 KW de potencia nominal cun diámetro de rotor de 80 metros e 70 metros de altura. A potencia total instalada será de 2 MW e o orzamento total ascende a 1,9 millóns de euros.



O GOBERNO GALEGO AUTORIZA O CONVENIO QUE PERMITIRÁ FOMENTAR A ENERXÍA FOTOVOLTAICA NAS CUBERTAS DAS NAVES INDUSTRIAIS

• A Consellería de Economía e Industria, que achegará 191.000 euros a esta iniciativa, asinará coa Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e a Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape) o acordo que permitirá elaborar as primeiras análises que fomenten o uso desta enerxía renovable
• Os parques empresariais da provincia de Pontevedra serán os beneficiarios desta proba piloto que, de funcionar axeitadamente, se estenderá ao resto dos parques de Galicia

O Consello da Xunta de Galicia vén de autorizar a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, a CEP e a Fegape para a elaboración dunhas análises tendentes a fomentar o uso da enerxía fotovoltaica nas cubertas das naves dos parques empresariais da provincia de Pontevedra como proba piloto. De funcionar axeitadamente, esta iniciativa estenderase despois ao resto de parques empresariais de Galicia.

O departamento que dirixe Javier Guerra achegará a este proxecto pioneiro 191.000 euros, de xeito que reafirma o seu compromiso de divulgar e fomentar o aforro enerxético e o uso racional da enerxía e promover aquelas iniciativas que o incentiven. Mediante a achega para a elaboración destes análises, Economía e Industria pretende contribuír á difusión da tecnoloxía solar fotovoltaica dentro do sector empresarial e mais concretamente nas naves industriais, por seren estas as axeitadas para a localización deste tipo de instalacións.

A sinatura deste convenio entre a consellería e os empresarios para o desenvolvemento de accións de interese común no ámbito enerxético constitúe unha ferramenta fundamental para establecer un conxunto de actividades en que se reflicte a preocupación da Xunta por establecer un sistema enerxético compatible coa preservación do medio natural, e por acadar e potenciar políticas de aforro e de fomento das enerxías renovables.

Asemade, este compromiso senta as bases para motivar un cambio de hábitos enerxéticos, sendo as análises a desenvolver as que suporán a achega de elementos importantes para o desenvolvemento da actividade das empresas dos parques empresariais en materia de aproveitamento enerxético nas naves industriais para a reformulación de obxectivos.

O CONSELLO DA XUNTA DA O VISTO E PRACE Á SINATURA DO CONVENIO PARA REALIZAR E FINANCIAR AS OBRAS DE REMODELACIÓN DA PRAZA DE ABASTOS DE SANTIAGO

O Consello da Xunta de Galicia autorizou na súa xuntanza habitual dos xoves a sinatura do convenio de colaboración entre o Ministerio de Vivenda, a Consellería de Economía e Industria e o Concello de Santiago para a realización e financiamento das obras de remodelación da Praza de Abastos. A achega do departamento autonómico será de 1,13 millóns de euros, repartidos en catro anualidades. O resto do apoio económico, ata completar os 5,06 millóns de euros en que está orzada a obra correrán a cargo do Estado e do Concello.

A adecuación e mellora dos equipamentos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio, e así consta nos obxectivos da Consellería de Economía e Industria e da Dirección Xeral de Comercio, entre cuxas medidas figura un programa específico de mellora competitiva do comercio polo miúdo que busca conxugar os intereses entre o comercio e o contorno en que se desenvolve a súa actividade, impulsando os espazos de uso comercial, e fomentando as actuacións desenvolvidas polos concellos para o mantemento e renovación do comercio e a revitalización dos centros urbanos e dos núcleos históricos.

APROBADO NO CONSELLO DA XUNTA A COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E A FUNDACIÓN ECCA PARA QUE OS ADULTOS OBTEÑAN O TÍTULO DE GRADUADO EN EDUCACIÓN SECUNDARIA

• O programa cobre os gastos da formación dos alumnos e para o vindeiro curso contará cunha achega de 34.000 euros

O Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación ECCA para que as persoas adultas obteñan no curso 2009/2010 o título de graduado en educación secundaria cun importe de 34.000 euros.

Con esta sinatura a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñece o papel fundamental dos medios de comunicación social na formación educativa. A Fundación ECCA, que se vale deses medios, ten como obxectivo a promoción cultural e humana antepoñendo sempre os intereses dos sectores máis desfavorecidos. A Fundación ECCA realiza o seu labor educativo a través da radio, a través dunha emisora propia como da Radio Galega. Así o está a facer dende hai máis de vinte anos en Galicia, onde imparte actividade formativas dirixidas a todas as persoas adultas.

A continuidade do convenio establece que a Fundación continuará a colaborar na formación de persoas adultas en Galicia, en canto a unha formación básica e a adquisición dunha titulación mínima que lles permita inserirse no mercado de traballo ou proseguir os estudos.

Coa aprobación da sinatura do convenio, iniciado no 2005, a Consellería continúa colaborando coa formación de persoas adultas e coa obtención do título de graduado en educación secundaria neste curso 2009-2010, para o cal se realiza unha achega económica de 34.000 euros.


SANIDADE E A ONG MÉDICOS DO MUNDO COLABORARÁN PARA A PREVENCIÓN DO VIH/SIDA

• Para tal efecto, o departamento que dirixe Pilar Farjas destina a cantidade de 74.000 euros distribuídos en dúas anualidades


A Consellería de Sanidade subscribirá un convenio de colaboración no ámbito sanitario coa organización non gobernamental Médicos do Mundo, co obxecto de mellorar a cobertura do Plan de acción anti VIH/Sida e do Programa galego de prevención e control da tuberculose, así como do Programa de vacinacións nas persoas usuarias dos diferentes iniciativas con que conta esta entidade.

Os enfermos que se vén favorecidos polo labor de Médicos do Mundo son, en moitos casos, persoas de sectores sociais desfavorecidos e con pouca accesibilidade ao sistema sanitario. De aí que Sanidade colabore con esta ONG, que ten unha presenza importante de traballo e dispón tanto de recursos materiais como de persoal especializado en accións de prevención destes problemas de saúde nas poboacións referidas.

Para tal efecto, o departamento que dirixe Pilar Farjas Abadía destinará 74.000 euros, distribuídos en dúas anualidades (34.000 no presente ano, e 40.000 no 2010).

Na actualidade, un dos principais factores de risco para a transmisión da infección polo VIH é compartir material de inxección. A mellor é única medida dispoñible contra a infección ante a ausencia de vacina é o tratamento curativo e a prevención.

Dentro do marco das políticas preventivas de redución do dano, os programas de intercambio de xiringas teñen un papel moi importante, posto que favorecen a accesibilidade dos usuarios de drogas a material de inxección estéril, ademais de favorecer a adquisición de hábitos de vida máis saudables. Por tanto, reforzar e ampliar a rede de intercambio de xiringas é unha prioridade para o Plan de acción anti VIH/Sida de Galicia.

Así mesmo, nos últimos anos, incrementouse o número de infeccións por VIH por transmisión sexual, tanto heterosexual como en homes que practican sexo con homes. Esta situación fai que sexa necesario incrementar as accións preventivas en determinados colectivos.

Entre as medidas que favorecen a prevención da infección tuberculosa, outro dos campos que abrangue o convenio, están a detección, diagnóstico e tratamento correcto dos enfermos e infectados e dos seus contactos.

Tanto Sanidade como Médicos do Mundo veñen colaborando dende hai varios anos en actividades preventivas con estes colectivos con resultados amplamente satisfactorios. En consecuencia, establécese este novo convenio de colaboración entre estas dúas institucións para os anos 2009 e 2010, polo importe anteriormente sinalado.

O CONSELLO DA XUNTA AUTORIZA A SUBSCRICIÓN DUNHA ADDENDA PARA A POSTA EN VALOR DA MURALLA ROMANA E OUTROS BENS CULTURAIS DA CIDADE VELLA DE LUGO

• De acordo con todo iso o importe total do convenio suporá un importe de 770.397,77 euros

O Consello da Xunta autorizou hoxe a subscrición dunha addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, o Concello de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, para o financiamento da conservación e posta en valor da Muralla romana de Lugo, os restos arqueolóxicos anexos á Porta de Santiago e o edificio cultural da Vicerreitoría, con motivo da súa apertura ao público. As obras que se contemplan na sinatura do convenio e que deben desenvolverse de xeito sucesivo correspóndense co acondicionamento climático e outras instalacións do espazo a rehabilitar, as obras de acabamento para a musealización e os traballos de consolidación e posta en valor dos restos arqueolóxicos.

Este convenio de cooperación foi subscrito o 3 de abril de 2009 e a primeira destas actuacións atópase neste momento en fase de licitación. O prazo de execución previsto é de 4 meses polo que é preciso reaxustar a programación de anualidades a través desta addenda. Doutra banda, na previsión inicial non se contemplaban os importes correspondentes aos honorarios facultativos para o control de execución das obras, polo que procede incrementar o importe do convenio en 20.397,77 € para incluír os ditos custos.

De acordo con todo iso o importe total do convenio suporá un importe de 770.397,77 euros, dos cales 90.000 euros corresponden á achega da Universidade de Santiago e 680.397,77 euros aos custos asumidos pola Consellería de Cultura e Turismo

O CONSELLO DA XUNTA AUTORIZA A AGADER PARA O PAGAMENTO DE ATA O 100% DAS SUBVENCIÓNS AOS GRUPOS DE DESENVOLVEMENTO RURAL

• Co acordo de hoxe, os GDR terán solvencia para encetar algunhas das súas actuacións pendentes

O Consello da Xunta acordou autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, para a concesión de pagamentos anticipados por importe conxunto de ata o cento por cento da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados dos grupos de desenvolvemento rural (GDR). Estes pagamentos refírense a gastos de funcionamento, adquisicións necesarias, e promoción en cadanseu territorio.

Estes GDR son asociacións sen ánimo de lucro compostas por un conxunto de interlocutores, públicos e privados, que representan axentes pertencentes aos distintos sectores socioeconómicos dun territorio determinado. Os GDR actúan como entidades colaboradoras e como beneficiarios nas subvencións concedidas polo programa Leader Galicia 2007-2013, cofinanciado polo programa europeo Feader e a propia Xunta de Galicia.

Precisamente, os GDR carecen doutro financiamento externo que non sexa este mesmo programa Leader, en cuxas bases reguladoras se establece a concesión destes pagamentos parciais e anticipos, de conformidade co disposto na Lei de subvencións de Galicia, e ao abeiro das disposicións comunitarias reguladoras dos programas europeos.

A XUNTA URXIRÁ O ESTADO A CONVOCAR A COMISIÓN BILATERAL DE COOPERACIÓN PARA ABORDAR O TRASPASO DE COMPETENCIAS

• O Goberno galego solicita nunha primeira fase a transferencia de ata 17 competencias
• A titularidade da AP-9 e a AP-53, as competencias en meteoroloxía, a ordenación do sector pesqueiro e a ordenación do litoral son algunhas das materias en que a Xunta quere iniciar unha negociación

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza sobre as materias de competencia estatal que é preciso transferir a Galicia a maior brevidade e tomou o acordo de instar o Goberno central a convocar canto antes a Comisión Bilateral de Cooperación para abordar o traspaso destas atribucións.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enviará unha carta ao vicepresidente terceiro do Goberno e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, recordándolle que tiñan comprometido desbloquear á volta do verán o traspaso de competencias a Galicia, un proceso que ten sufrido unha certa parálise nos últimos anos.

O Goberno galego solicitará en primeiro lugar a convocatoria da Comisión Bilateral, por entender que este órgano de cooperación e entendemento entre ambas as partes é a canle idónea para abrir o diálogo sobre posibles materias de interese para Galicia que finalmente poidan chegar a negociarse e traspasarse no seo da Comisión Mixta.

De cara á estas reunións, o informe elevado hoxe a Consello determina as 17 competencias cuxo traspaso é prioritario para Galicia, entre as cales están as sete sobre as que xa houbo contactos e falta por pechar os acordos e outras dez materias sobre as cales a Xunta quere iniciar canto antes as negociacións para lograr un traspaso.

Dentro destas últimas, atópase o traspaso da titularidade das autoestradas AP-9 e AP-53, dúas vías de comunicación fundamentais na vertebración do territorio da Comunidade Autónoma e cuxo itinerario se desenvolve integramente por Galicia, incidindo de forma significativa en numerosos sectores e favorecendo o desenvolvemento da comunidade.

A Xunta tamén pide unha maior competencia sobre as bacías da comunidade, para o que reclamará que sexa a encargada da licitación, execución e xestión das obras hidráulicas de interese xeral que se acometan na comunidade. Tamén considera necesario ter a competencia na tramitación de expedientes de autorizacións sobre todo o dominio público hidráulico da comunidade, xa que na actualidade se encarga dos expedientes na bacía de Galicia Costa e non lle corresponde a da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Nesa liña, outra das reclamacións máis importantes é sobre a ordenación do litoral e a xestión do dominio público marítimo-terrestre, que ten especial vinculación con materias que xa son de competencia autonómica, como a construcción de portos, a regulamentación urbanística ou o control de verteduras.

Outra das reclamacións ten que ver coa meteoroloxía, xa que Galicia é a única comunidade, xunto con Ceuta e Melilla, que non ten recoñecido no Estatuto a competencia exclusiva nesta materia, a pesar de existir e funcionar un excelente servizo meteorolóxico en Galicia.

Outro dos grandes ámbitos en que o Goberno galego pretende lograr máis autogoberno, especialmente importante polas condicións da comunidade, é o do sector pesqueiro e o mar.

Así, Galicia reclama competencias na ordenación do sector pesqueiro, xa que na actualidade a xestión autonómica se ve limitada a un marco de augas interiores que se reduce á mínima expresión. A Xunta tamén pedirá colocar baixo a súa responsabilidade todos os organismos de investigación mariña, poder expedir as titulacións e tarxetas de identidade acreditativas das titulacións náutico-pesqueiras e ter competencias en inspección e vixilancia pesqueira e en materia de seguranza a bordo.

Finalmente, no ámbito da Administracion de Xustiza a Xunta pide o traspaso de todas as competencias de execución e xestión en materia de persoal ao servizo da Administración de Xustiza.

Traspasos pendentes
Ademais diso, o Goberno galego pretende pechar os traspasos que quedaron pendentes de anteriores negociacións, como son o saldo da débeda de superficie, o traspaso de museos e bibliotecas de titularidade estatal ou a inspección de traballo.

Finalmente, a Xunta pretende impulsar e axilizar o traspaso das competencias en Tráfico e seguranza viaria, xa que existe un acordo unánime do Parlamento galego nese sentido e a proposición de lei que saíu da Cámara galega para acadar esta transferencia non ten previsto o seu debate no Congreso ata antes de setembro de 2010.



A CONSELLEIRA DE SANIDADE INFORMA OS MEMBROS DO CONSELLO SOBRE AS PRIMEIRAS FASES DA CAMPAÑA DE PROMOCIÓN PARA A PRESCRICIÓN DE XENÉRICOS

• O incremento na prescrición dos primeiros medicamentos seleccionados supuxo un aforro de 250.000 euros en tres meses
• As prescricións realizadas a través da receita electrónica amosan un aumento de arredor do 15% de xenéricos nos tres primeiros fármacos seleccionados, polo que a Xunta agradece o compromiso dos profesionais
• A segunda fase da campaña inclúe tres novos medicamentos: metformina, levofloxacino e fentanilo transdérmico

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, informou hoxe aos membros do Consello da Xunta sobre o inicio da segunda fase da campaña de promoción de medicamentos xenéricos ou de menor custo e o balance da primeira. Neste sentido, os datos de que dispón o Servizo Galego de Saúde indican que houbo un incremento na prescrición de xenéricos dende que a Xunta puxo en marcha esta iniciativa, e que a estimación de aforro que supuxo este esforzo é duns 250.000 euros nestes tres primeiros meses.

Así, dende o pasado mes de xullo as prescricións realizadas a través da receita electrónica amosan un aumento de arredor do 15% de xenéricos nos tres medicamentos seleccionados, o amlodipino, a venlafaxina retard e o paracetamol 1 gramo comprimido efervescente. Polo tanto, dende a Consellería agradécese a implicación dos profesionais con esta iniciativa dende o primeiro momento, xa que os datos amosan o seu “compromiso inequívoco” co sistema sanitario.

A iniciativa promovida pola Xunta consiste na promoción da prescrición dos medicamentos xenéricos fronte aos de marca para fomentar a cultura do xenérico desde a prescrición, e que sexa a participación, a información e a comunicación cos facultativos a clave do seu éxito.

Así, selecciónanse trimestralmente tres medicamentos en base a criterios de amplo uso en atención primaria e diferenza de prezo entre o medicamento de marca e o xenérico. Nesta segunda fase, estes medicamentos son metformina, levofloxacino e fentanilo transdérmico.

Tamén se mellorará a información do perfil de prescrición accesible ao facultativo a través da intranet, para que poida coñecer dunha forma sinxela os datos máis relevantes da súa prescrición; e modificarase o módulo de prescrición da historia clínica IANUS, co fin de facilitar a prescrición de medicamentos xenéricos e, fundamentalmente, daqueles que están incluídos na campaña.

Outras accións que se están a desenvolver son a constitución dun grupo de traballo que promova ideas de boa calidade de prescrición e o deseño dunha campaña informativa e de sensibilización dirixida á poboación xeral.

A Xunta pretende con esta campaña diminuír o gasto por receita, incrementar a porcentaxe de envases xenéricos prescritos e situar Galicia ao nivel de prescrición de xenéricos doutras comunidades autónomas mediante a xestión eficiente dos recursos fármacoterapéuticos dispoñibles.