08 octubre 2009

F-009 pide más competencias transferidas para Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a Xunta vai iniciar contactos co Goberno de España para “desbloquear traspasos pendentes”. Feijóo, explicou que se trata de profundizar no autogoberno de Galicia. A tal efecto, avanzou, “acabo de asinar unha carta para o vicepresidente terceiro do Goberno e ministro de Política Territorial solicitando, formalmente, o inicio da Comisión Bilateral”.

O mandatario autonómico indicou que nesta comisión se abordará a solicitude dun paquete de transferencias que afecta a 17 traspasos. “Imos priorizar os obxectivos para que realmente valga para algo este tipo de reunións”, abondou Feijóo aseverando que a Xunta chegará á reunión co Ministerio de Administracións Públicas “cos deberes feitos, priorizando cales son as transferencias que nos interesan, priorizando cales son os tempos desas transferencias e priorizando, en definitiva, desbloquear os últimos anos de goteo de escasas transferencias na comunidade e abrir unha nova etapa”. “Desde logo –incidiu- nós estamos a disposición do Goberno de España para abrir unha etapa de lealdade e desenvolvemento constitucional do Estatuto de Autonomía de Galicia e incrementar o noso teito competencial”, concretou.

Transferencias pendentes
Segundo explicou o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o Goberno galego abordou hoxe un informe que busca desbloquear as transferencias que foron obxecto de negociación na pasada lexislatura e que non foron culminadas, ademais de solicitar a apertura do procedemento negociador para o traspaso de novas competencias que ata o momento non foran reclamadas pola Comunidade Autónoma.

Respecto ás competencias que quedaron pendentes, plasmadas na acta da última Comisión Mixta que se celebrou en decembro do ano pasado entre o Goberno de España e a Comunidade Autónoma de Galicia, “o que cómpre agora é culminalas e culminalas rapidamente”, sinalou Alfonso Rueda.

Trátase, en primeiro lugar da transferencia que se refire á débeda de superficie. “Agora mesmo hai un saldo na débeda de superficie, de metros cadrados de edificios públicos a favor da comunidade, que está cifrada en case 6.000 metros”, explicou Rueda insistindo que é preciso reclamar esa superficie para que sexa xestionada pola Xunta de Galicia. Eses 6.000 metros cadrados localízanse no edificio de Monelos (A Coruña), a Casa de Chocolate (Ourense) e unha parte que quedaba por traspasar do edificio que a Xunta ten na rúa Benito Corbal de Pontevedra. Segundo explicou Rueda, esta transferencia está avanzada e só resta que tome o acordo definitivo o Consello de Ministros e que se publique o decreto de traspaso no Boletín Oficial do Estado.

Outro acordo pendente é o que se refire a museos e bibliotecas de titularidade estatal. Afectaría, en concreto, ás bibliotecas públicas que agora mesmo son titularidade do Estado na cidade de Santiago, a Biblioteca Pública da Coruña, a de Lugo, a de Ourense e a de Pontevedra. En canto aos museos, serían o Museo de Belas Artes da Coruña, o Monográfico do Castro Viladonga en Lugo, o Etnográfico do Cebreiro, o Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo de Artes e Costumes Populares de Ribadavia. Respecto aos arquivos que son de titularidade estatal, Alfonso Rueda sinalou que a Xunta pedirá que se axilicen os trámites para que o Goberno galego poida asumir finalmente a súa titularidade.

“Imos pedir tamén que se avance e poder pechar as negociacións de xeito que Galicia poida xestionar as bolsas e axudas ao estudo non universitario, que agora mesmo seguen sendo competencia da administración xeral do Estado e que considera a Comunidade Autónoma que a súa xestión directa por parte da Xunta, sen dúbida, redundará nunha maior axilidade”, asegurou o conselleiro de Presidencia.

Ademais, o Executivo galego pedirá que se complete a transferencia da cesión dos inmobles nos complexos do Castelo de Monterrei, a Torre da Pena, a Torre de Sandiás e a Torre de Porqueira.

Así mesmo, reclamará que se peche definitivamente a transferencia dunha competencia que se considera moi importante, en palabras de Alfonso Rueda: a referida á Inspección de Traballo, para que esta poida ser exercida directamente pola Xunta de Galicia.

De igual xeito, na Comisión Bilateral o Goberno galego demandará a axilización dos trámites referidos ás competencias de tráfico e seguridade viaria. Rueda lembrou que existe un acordo unánime do Parlamento galego para pedir o traspaso desta competencia.

Novas competencias para Galicia
O conselleiro de Presidencia argumentou que ademais destes traspasos cuxos trámites xa estaban iniciados, a Xunta vai solicitar por primeira vez, novas competencias ao Estado para abondar no autogoberno de Galicia e que, dixo, “revisten unha importancia fundamental”.

A primeira é que se refire ao traspaso de titularidade ao Executivo galego das autoestradas AP-9 e A-53, “vías de comunicación fundamentais na vertebración do territorio e cuxo itinerario discorre totalmente por territorio galego”.

“Pedimos tamén que Galicia se poida encargar da licitación, execución e xestión das obras hidráulicas de interese xeral que se acometan na comunidade autónoma”. Isto, segundo salientou Alfonso Rueda, permitirá a xestión íntegra por parte da Xunta dos fondos referidos a estas obras, xa que agora mesmo, os fondos europeos son xestionados polo Estado e a parte que achega a comunidade autónoma ten que ser sempre e exclusivamente con cargo a fondos propios. Pedimos, sobre todo para redundar na axilidade e na coordinación desa importante materia que todas esas competencias de licitación e execución estean residenciadas na comunidade autónoma”.

Outra transferencia que se solicitará ao Estado é poder exercer desde Galicia as propostas de resolución dos expedientes de autorización sobre dominio público hidráulico que discorre no territorio galego. É dicir, que todos aqueles recursos hidráulicos, todos aqueles ríos que discorran por territorio galego poidan ser tramitados e xestionados administrativamente desde a Xunta de Galicia. Agora mesmo, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está exercendo esas competencias. “O que estamos pedindo é que a comunidade galega teña competencia plena sobre as concas que discorren polo seu territorio”, matizou o conselleiro.

Do mesmo xeito, a Xunta reclamará as competencias sobre ordenación do litoral e xestión do dominio público marítimo terrestre, así como en meteoroloxía xa que, segundo explicou Rueda, Galicia é, xunto con Ceuta e Melilla a única comunidade que non ten en exercicio exclusivo a día de hoxe as competencias referidas á meteoroloxía.

Tamén se demandará un paquete de transferencias referidas ao sector pesqueiro e que, segundo abondou o conselleiro da Presidencia, redundarán nun maior beneficio para a comunidade e o sector. Deste xeito pediranse as competencias na ordenación do sector pesqueiro. Agora mesmo Galicia só pode actuar no marco das augas interiores cando a maioría dos pesqueiros que teñen a base nos portos galegos están faenando en augas que están dentro da zona de competencia de xestión do Estado. Nesta mesma orde, a Xunta quere colocar baixo a súa responsabilidade todos os organismos de investigación mariña que radican na comunidade. “Solicitaremos tamén o traspaso das competencias da expedición de titulacións e tarxetas de identidade acreditativas de titulacións naútico-pesqueiras”, engadiu Rueda ao respecto, ao igual, dixo, que as competencias que agora mesmo ten o Estado en inspección e vixilancia pesqueira.

Por último, en materia de administración da xustiza, a Xunta reclamará a xestión plena do persoal que non é fiscal, xuíz, nin secretario. “Agora mesmo son competencias compartidas, o que ás veces está a provocar disfuncións, sobre todo á hora de cubrir vacantes nos xulgados e, desde logo, xestionado desde Galicia, sen ter que facer unha competencia co partido e co ministerio, estou seguro que notaría unha mellora moi importante”, subliñou.

“Todo isto conforma o paquete completo de transferencias que queremos plantexar nunha carta que hoxe mesmo lle vai dirixir o presidente da Xunta ao ministro para, a partir de aí, iniciar o proceso das que estaban pendentes e das que queremos pedir”, concluíu o titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.