14 octubre 2009

Deputada Adán denuncia desmantelamento das Escolas de Idiomas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A portavoz de Educación do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, advertiu hoxe de que “o alumnado vai ser o gran perxudicado do desmantelamento das escolas oficiais de idiomas que iniciou o Partido Popular coa circular5/2009”.

Carme Adán facía estas declaracións despois de que o Partido Popular rexeitase esta tarde no Pleno da Cámara Galega unha proposición non de lei do BNG, apoiada polo Grupo Socialista tras aceitar unha emenda, pola que se lle pedía á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria que potenciase a calidade no ensino de idiomas, retirando a circular 5/2009 e iniciase un proceso de díalogo co profesorado das EOIs para consensuar unha nova circular.

“O Goberno do PP puxo en marcha unha campaña de desprestixio contra o profesorado das EOIs”

A deputada nacionalista lembrou que a circular 5/2009 da Consellaría de Educación pola que se dictan as instrucións do procedemento de admisión, matrícula e organización académica nas EOIs o curso 2009/2010 “foi unha decisión totalmente autoritaria, feita en período de vacacións, e sen ser negociada cos claustros e co profesorado na Mesa Sectorial de Educación”.

Neste sentido, Carme Adán advertiu de que a circular “provocou un recorte de 36 profesores e profesoras nas EOIs e polo tanto unha redución dos grupos”. Por iso, cualificou de “falso” o anuncio da Consellaría de Educación que a reforma permitirá ofertar 6.200 prazas. Ademais denunciou a “campaña de desprestixio do Goberno do PP contra o profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas, tentando enganar a opinión pública e confundindo deliberadamente os horarios do profesorado cos períodos lectivos”.

“O gran perxudicado van ser os alumnos e alumnas”

A deputada do BNG denunciou que con esta reforma “vaise reducir a calidade no ensino de linguas estranxeiras, sobrecargando o horario do profesorado”. “Pero o máis perxudicado -advertiu- vai ser o alumnado porque se trata en gran medida de xente adulta que traballa e que, coa redución de grupos, vai ter menos posibilidades de atopar praza na franxa horaria que solicitaba”.

Por último, Carme Adán denunciou que a circular 5/2009 “fará que o alumnado teña menos posibilidades de participar en obradoiros de lectura, escritura, teatro..., cuestións prioritarias na ensinanza dos idiomas”.