Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Funcionarios pertencentes ao Grupo de Investigación de Incendios da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma en Pontevedra informaron hoxe da detención de A.F.M.P., home de 42 anos de idade, como presunto autor dun incendio forestal acontecido na parroquia de Santa Cristina de Cobres, no concello pontevedrés de Vilaboa.
O incendio, que concretamente foi no lugar de Mangoeiro, tivo lugar o pasado 27 de setembro como consecuencia da caída dun foguete de artificio incandescente e arrasou unha superficie aproximada de 0,20 hectáreas de masa forestal arborada. Para a súa extinción foi necesaria a actuación do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia e na detención contouse coa cooperación de axentes forestais da Brigada de Investigación de Incendios Forestais (BIIF) do Distrito XIX, que colaboraron na inspección ocular e posterior investigación.
O detido, unha vez oído en declaración, foi posto en liberdade coa obriga de comparecer ante a Autoridade Xudicial cando fora requirido, instruíndose dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Garda de Cangas do Morrazo. Con esta detención, a Policía Autonómica xa ten posto a disposición xudicial no que vai de ano a 45 persoas por presuntos delitos de incendios forestais.