Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-As obras da zona verde de San Paio de Navia, en Vigo, remataranse nun prazo máximo de catro meses, segundo explicou o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Antonio Boné, na visita realizada hoxe á zona verde e ás vivendas de promoción pública que se están construíndo na zona. O acordo acadado polo IGVS, dependente da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e a empresa adxudicataria da obra unha vez resoltos os problemas existentes na mesma permitirán que a zona verde se remate a comezos do próximo ano, cando tamén está previsto o remate das obras de construción das 384 vivendas de promoción pública en construción.
Zona verde
A zona verde de San Paio de Navia ocupa unha superficie de 89.217 metros cadrados, dos que 24.729 metros corresponden a prazas e os 64.488 restantes a paseos e bosque.
A obra de urbanización da mesma adxudicouse en novembro de 2007 por un importe de 4.911.139,86 euros, IVE incluído. En decembro de 2008 o director xeral do IGVS autorizou un modificado por importe de 886.880,65 euros (IVE engadido), que inclúe a dirección facultativa das obras e a dirección de coordinación de seguridade e saúde.
Vivendas de promoción pública
O proxecto de urbanización de San Paio de Navia botou a andar en 1999 coa adquisición dos primeiros terreos por parte do IGVS, despois de desenvolver un longo proceso de redacción e aprobación dos documentos urbanísticos que permitiron o seu desenvolvemento.
So tres anos máis tarde, en 2002, se adxudicaron as primeiras parcelas para a construción de vivendas protexidas de promoción privada e a comezos de 2005 adxudicábase a redacción do proxecto básico para a construción das 384 vivendas de promoción pública que se están a construír no polígono e que foron sorteadas o pasado 17 de xullo.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Rural, Infraestruturas e Territorio, inviste na construción destas 384 vivendas preto de 32,5 millóns de euros.
O pasado 17 de xullo o IGVS procedeu ao sorteo de 343 vivendas, xa que das 384 que se atopan en construción deben detraerse 41 para realoxos de unidades familiares anteriormente residentes na zona e que foron afectadas polo desenvolvemento do plan parcial de San Paio de Navia e cesión ao Concello de Vigo en aplicación da normativa vixente.
Do total de vivendas sorteadas, 159 dispoñen de tres dormitorios e superficies útiles entre 79 e 81 metros cadrados. Outras 12 contan cos mesmos tres dormitorios, pero a súa superficie útil está entre 87 e 88 metros cadrados, xa que se trata de vivendas adaptadas e reservadas para persoas con mobilidade reducida. Con dous dormitorios (superficie entre 62 e 65 metros cadrados) hai un total de 91 vivendas e con catro dormitorios (entre 88 e 90 metros cadrados de superficie útil) un total de 81 vivendas.
Despois do sorteo as listas foron expostas nos taboleiros de anuncios do Concello, a delegación da Xunta en Vigo e a sede do IGVS en Pontevedra e publicadas na web do Instituto Galego da Vivenda e Solo, ademais de comunicar persoalmente a cada adxudicatario a documentación que debería presentar na delegación provincial do organismo, así como o prazo para facelo. Actualmente aínda se está recibindo documentación, xa que en máis de 200 casos de adxudicatarios provisionais foi preciso un segundo requirimento ante a falta de resposta ao primeiro.
Os funcionarios do IGVS na provincia de Pontevedra terán agora que revisar tódalas documentacións presentadas, así coma os datos fiscais dos adxudicatarios, para proceder á elaboración da lista provisional, que se prevé estará rematada no mes de novembro. O acceso á información fiscal realízase por procedementos telemáticos, evitando así que os adxudicatarios teñan que solicitar certificados na Axencia Tributaria. Habitualmente a Axencia Tributaria non permite o acceso telemático aos datos do último período fiscal ata comezos de outubro, polo que se agarda dispoñer de dito acceso nestes días.