08 octubre 2009

Nueva polémica en relación al sector audiovisual gallego

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A portavoz de cultura do BNG, Ana Pontón, considera que as declaracións desta tarde do director de AGADIC no Parlamento Galego “demostran que na Xunta de Galiza hai unha guerra polo control das competencias do sector audiovisual”.

O director de AGADIC comparecía esta tarde na Comisión de Cultura do Parlamento Galego para responder a unha pregunta do BNG sobre os criterios de reparto dos fondos que o Ministerio de Cultura transfire á Xunta de Galiza para o apoio á produción audiovisual en lingua galega.

Ana Pontón subliñou que “para o BNG as competencias do sector audiovisual da Xunta de Galiza deben estar na Consellaría de Cultura, e en concreto na AGADIC, xa que é o modelo máis efectivo e a estrutura que se segue en países cun cinema importante, como Alemaña, Franza ou os Estados Unidos, onde o audiovisual considérase cultura”.

Porén, na súa resposta, o director da AGADIC limitouse a afirmar que “que (a Consellaría de) Cultura ten que estar no audiovisual, por suposto” pero sen concretar nada máis sobre se as competencias do audiovisual van deixar de depender na Secretaría Xeral de Medios, onde actualmente residen.

Para a deputada do BNG “estas declaracións do director da AGADIC demostran que dentro da Xunta de Galiza hai unha loita de poder polas competencias do sector audiovisual”.

“Esperamos que non desvirtúen a finalidade á que van eses fondos”

Por outra parte, en responsa á pregunta da deputada nacionalista, o director da AGADIC informou de que dos máis de 11 millóns de euros que o Ministerio e Cultura destina este ano ao apoio á producción audiovisual en linguas oficiais do Estado distintas do castelán, “a Xunta de Galiza recibirá 2.019.087 euros, unha cantidade cuxo cobro aínda está en trámite”.

A este respeito, Ana Pontón mostrou a súa “preocupación, porque transcorridos varios meses dende que asinaron o convenio co Ministerio -asinouse o pasado 17 de xullo- a Xunta aínda non sabe cómo van repartir eses fondos e con qué criterios, ou é que non os queren dicir”.

A deputada do BNG advertiu de que “non deben dervituar a finalidade para a que veñen eses fondos que se lograron gracias a que o Goberno Central non ten maioría nas Cortes: apoiar o cinema feito en lingua galega” e subliñou que ese apoio das administracións ao sector “debe facerse para a fase de produción, pero tamén para que sexa distribuído e exhibido nas salas de cinema do noso país”.