08 octubre 2009

Ponteareas : osé Castro e 6 ex-concelleiros do PP terán que devolver máis de 10.000 euros ao Concello

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- José Castro e 6 ex-concelleiros do PP terán que devolver máis de 10.000 euros ao Concello polos pagos ao avogado da querela dos “enchufados”

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, segundo informa o Portavoz do BNG, Xosé Represas, resolveu que os gastos da defensa do ex-alcalde José Castro e seis ex-concelleiros PP, no recurso ante o Tribunal Supremo polas contratacións irregulares de traballadores municipais, “querela dos enchufados”, ten que ser asumida polos que foron condenados naquela sentenza.

A resolución, coincide co que o BNG tiña esixido insistentemente, despois da sentenza condenatoria do Tribunal Supremo, a raíz da querela apresentada en xaneiro de 1997 polo BNG. Os nacionalistas plantexaran a través de diversas iniciativas institucionais a reclamación destes pagos ilegais. “Agora o Tribunal Superior de Xustiza confirma as teses que sempre defendeu o BNG”, manifestou X. Represas.

Con esta resolución, o Concello de Ponteareas vai poder recuperar 10.457,61 euros, cantidade abonada ao avogado Rafael Ruiz y Reguant pola defensa de José Castro Álvarez, José Antonio Gallego Álvarez, José Castro Rivero, Jesús Domínguez Carrera, José Álvarez Cid, Manuel Giráldez Torres e Juan José Castro Domínguez.

Represas anunciou que que van realizar as xestións oportunas para que o goberno actual do Partido Popular non dilate a execución desta sentenza e solicitaran a convocatoria da Comisión Informativa de Réxime Interior para que na mesma se de conta da recuperación deste importe para as arcas municipais.

Represas recorda que o BNG foi a única forza politica que ademais de denunciar as contratacións irregulares, foi tamén a única que estivo reclamando e esixindo a recuperación deste pagos ilegais. Grazas a esa insistencia, agora o concello de Ponteareas vai recuperar máis de 10.000 euros, por pagos na defensa de persoas que foron condenadas por feitos graves. “Esta actuación pon de manifesto como o PP fai un uso indebido dos cartos públicos en benficio dos seus propios intereses politicos e personais”, declarou Represas que confrontou co comportamento dos nacionalistas. O BNG tivo que utilizar os seus propios recursos, para costear os gastos xudiciais, para facer xustiza e defender a legalidade, como finalmente se demostrou cunha condena histórica polas contratacions irregulares que inhabillitou a Castro e aos ex-concelleiros do PP ata 10 anos para todo cargo público.