14 octubre 2009

Porque hoy es jueves... Feijóo repasa sus proyectos y añade nuevas promesas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que o seu goberno incrementará nun punto as inversións reais en Galicia para o próximo exercicio. “Imos a incrementar nun punto o investimento de inversión reais en Galicia no presuposto do ano 2010, a pesar da fortísima crise económica na que estamos”, sinalou. E isto a pesar de que “o Goberno de España acaba de diminuír no 14,9% o capítulo de investimentos nos Presupostos Xerais do Estado”. Así, incidiu Feijóo, “a pesares de que eses Presupostos do Estado supoñen unha redución do investimento, os presupostos da Xunta suporán manter o investimento real, e incrementar o investimento real, nun contexto de recesión económica e de baixada estrondosa dos ingresos do Estado”.

Nesta mesma liña, Feijóo subliñou tamén, durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, unha subida do 2% no peso do gasto social nas contas para o ano 2010. “Aprobaremos incrementar o peso do gasto social en dous puntos. De cada 100 euros que o goberno bipartito gastaba, nos incrementaremos dous euros mais o peso das políticas sociais no presuposto do ano 2010. Esa é a política social real”, remarcou.

Neste sentido, Feijóo non dubidou en destacar o compromiso da Xunta coas políticas de gasto social pese a situación herdada con anterioridade: “A pesar de que nos atopamos con promesas de centros que se ían a abrir, sen presuposto; a pesar de que nos atopamos con incrementos retributivos salariais pactados, sen presuposto; a pesar de que nos atopamos con comedores escolares, sen pagar; a pesares de todo iso, reafirmo o compromiso solemne da Xunta de Galicia coas políticas sociais”.


Educación e comedores escolares
Así, e dentro das diferentes políticas sociais, Núñez Feijóo lembrou algúns datos referentes ás diferentes actuacións emprendidas pola Xunta, que van desde a conxelación das taxas universitarias á busca de solucións no problema dos comedores escolares. “Conxelamos as taxas universitarias, e incrementamos o número de profesores no inicio deste curso nun total de 153”, explicou. No tocante aos comedores escolares, Feijóo quixo lembrar a situación anterior, que amosaba “un burato de 4 millóns de euros”, ao tempo que destacou que “este ano haberá 2.500 alumnos mais que poderán disfrutar do servizo de comedor”.

Neste sentido, Núñez Feijóo abordou o tema do copago nos comedores escolares, recordando que este sistema “foi introducido polo bipartito no ano 2007”. “O 94% dos alumnos nin pagaban con vostedes nin pagarán con nós. E ao 6% restante se lle incrementa 20 céntimos para a maioría, e 40 céntimos para a minoría”.

Sanidade e centros de día
Por outra banda, e no que respecta á Sanidade, Feijóo asegurou que se “incrementará a actividade cirúrxica en xornada de mañá, que é a obriga da Sanidade Pública”, ao tempo que se seguirá traballando”no incrementando da prescrición de xenéricos”. Ademais, o presidente da Xunta lembrou a folla de ruta a seguir na creación de hospitais públicos ao longo da lexislatura: “Vamos a facer o maior esforzo en hospitais públicos nunha única lexislatura. O Hospital de Lugo comezará a funcionar a mediados do 2010. E iniciaremos neste mesmo 2009 a licitación do Hospital de Vigo, e no ano 2010, a licitación do Hospital de Pontevedra. E engadiu: “Nesta lexislatura remodelaremos o 50 % das camas hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, o que supón un total de 3.000 camas”.

Así mesmo, a Xunta traballará para incrementar “en mais de 2.000 as prazas de residencia e centros de día destinadas a maiores”. “Multiplicaremos por dous o número de prazas en centros de día, pasando das 871 actuais a 1.706 a finais do próximo ano. E multiplicaremos por dous as prazas de centros de Alzheimer. E incrementaremos un 23% as prazas en residencias. En definitiva, crearemos trinta novas prazas de residencia á semana”, concluíu. E todo elo a pesar de que “o Estado lle paga a Galicia por cada praza de residencia 269 euros, e cada praza de residencia lle custa a Xunta de Galicia 2.300 euros”.

As cifras do paro
Por outra banda, e tras ser inquirido pola problemática do paro, o presidente da Xunta apuntou que “o paro en Galicia está no mes de setembro en 200.465 persoas”, cifra que supón un incremento durante o último exercicio dun 27%, namentres que no conxunto do Estado esta subida fixouse no 41%. “Estamos trece puntos por debaixo da media do incremento do paro de España –explicou Feijóo-. Iso non significa que estemos nunha boa situación. Si quero dicir que a evolución do paro dende o mes de abril do 2009, cando se produzo o cambio de goberno, baixou. Neste momento hai en Galicia 10.197 parados menos que no mes de abril do 2009. Somos a Comunidade Autónoma onde mais baixou o paro en termos absolutos, e a quinta en termos relativos”. Pese todo, Feijóo recoñeceu “non estar satisfeito coa situación”. “Estamos preocupados; e estamos comprometidos en que o paro en Galicia non sexa unhas das principais dificultades que nestes momento está pasando a sociedade galega”, recalcou.

Así mesmo, Feijóo lembrou que, durante o último ano do goberno bipartito, “o paro se incrementou en Galicia en 50.000 persoas, sendo a media diaria de novos parados de 140. “Entre o ano 2009 e 2010 non vai a ocorrer iso. Imos a ir pouco a pouco gañándolle a batalla ao paro. Imos a ir pouco a pouco contendo o crecemento do paro. Imos a ir pouco a pouco desacelerando o crecemento do paro”. Para logralo, Feijóo adiantou que o día 22 sentaranse “cos axentes sociais, e antes de que remate o ano incrementaranse en 12 millóns de euros os obradoiros de emprego cos concellos de Galicia creando mais de 1.200 postos de traballo”.

Con estas medidas, a Xunta espera acadar uns resultados que non se lograron co Plan anticrise do anterior goberno. “As medidas estrelas eran a axilización do concurso eólico, o Plan Sectorial do solo, e o Xacobeo, dotado con 100 millóns de euros”, explicou Feijóo. “Respecto ao concurso eólico, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de paralizalo. Na política do solo, só o 14% do parque de vivendas protexidas estivo a disposición real de ocupación. E por certo, estamos recuperando as políticas de consenso no solo. Todas as familias numerosas, e os menores de 36 anos, aforraranse 6.000 euros de media cando adquiran unha vivenda”.

Por último, e con relación ao canon da auga, o presidente da Xunta quixo destacar que o seu goberno diminuirá “a tarifa ao 33% dos usuarios”. “Por primeira vez hai unha tarifa social. E lle pediremos un esforzo ao resto de cidadáns porque esta vez si, imos a sanear as rías e os pobos de Galicia de mais de 2.000 habitantes”, concluíu.