06 octubre 2009

Premio Entreculturas do ano 2009 a Celestino Pichel Bouzas, un emigrante de Viascón (Cotobade) no Uruguai

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Deputación de Pontevedra concedeu o Premio Entreculturas do ano 2009 a Celestino Pichel Bouzas _un emigrante de Viascón (Cotobade) no Uruguai que hoxe é, ós seus 83 anos, o gaiteiro máis lonxevo de América_ e ó Concello de Cambados.
O Premio Entreculturas foi instituido en 2004 pola Deputación de Pontevedra para premiar a sendas personas, ou entidades, do mundo hispano e da emigración recoñecidos pola súa laboura en defensa do colectivo emigrante e da cultura galega, así como pola defensa da solidaridade, a integración, o mutuo apoio e a profundización do mutuo coñecemento entre os pobos.
Na edición deste ano, o galardón, dotado con 6.000 euros, recaeu, en canto ó mundo da emigración, na persona do gaiteiro galego-montevideano Celestino Pichel. Nacido en Viascón (Cotobade) en 1926, Pichel emigrou ó Uruguai en 1953. Dende esa data estivo vencellado á Casa de Galicia, entidade pola que foi contratado en 1990.
Celestino Pichel é, ós seus 83 anos, o gaiteiro máis lonxevo de América. Non deixou de tocala gaita nunca, ainda hoxe anima as festas e romarías dos centros galegos en Montevideo e participa ou dirixe concertos que teñen lugar en distintos teatros e centros sociais da capital uruguaia. É toda unha institución e unha referencia da cultura tradicional e da música galega no Uruguai.
Herdeiro directo dos , que animaron numerosas e multitudinarias romarías nos anos 30 e 40 do pasado século baixo a dirección do famoso Amandinio, formou xunto ó lexendario Rogelio Pino unha dupla de gaiteiros de gran sona e éxito no Uruguai. A maior parte dos gaiteiros e dos grupos de gaiteiros esistentes hoxe no Uruguai foron alumnos seus. Algúns dos máis significativos son os grupos Montegal, Os Trapalleiros, Fisterra e Grianan, de Montevideo e o gaiteiro Carlitos, que dirixe a única Banda de Gaitas esistente no Uruguai, a Banda de Gaitas Irmande do Centro Val Miñor.
Celestino Pichel dirixe a Escola e o Grupo de Gaitas do Ballet Folclórico Obradoiro da Casa de Galicia de Montevideo pola que foi contratado, de xeito exclusivo, en 1990. Foi fundador do Centro Pontevedrés en Montevideo en 1958. Na súa primeira directiva, presidida por Nemesio Carballo, foi Tesoureiro e, dende entón, colaborou activa e económicamente nas diversas melloras do centro dos pontevedreses en Montevideo. Celestino Pichel representa para a colectividade emigrante galega no Uruguai unha especie de para todos os que se vencellan, ou sinten, a arte, a música, as danzas, o canto e, en definitiva, a cultura ancestral da Galicia milenaria en terras da emigración.
No apartado de persona ou entidade do mundo galego, o Premio Entreculturas 2009, tamén dotado con 6.000 euros, recaeu no Concello de Cambados pola súa laboura no eido social a favor dos emigrantes cambadeses na Arxentina, polas súas iniciativas de axudas e de becas de estudos a fillos e netos dos emigrantes de Cambados en Bos Aires.
En anteriores edicións dos Premios Entreculturas, os galardonados foron: O Arquivo da Emigración Galega e o Centro Casa Galicia de Montevideo (2004); a Fundación Cume, de Redondela, e o Fogar Galego para Anciáns de Domselar, en Bos Aires (2005); Francisco Fernández del Riego e a Irmandade Galega de Venezuela (2006); a Fundación Balms para a infancia, de Vigo, e a Asociación Caballeros de Santiago, de San Salvador de Bahia, en Brasil (2007); e o Concello de Ponteareas e o Centro Hijos de Lalín de Buenos Aires (2008).