06 octubre 2009

Lobeira ve un regreso al Franquismo de la mano de Feijóo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz do BNG en materia de
Lingua no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, acusou hoxe ao Partido Popular
de “volver ao franquismo en materia lingüística” coa súa oposición á lingua e
aos topónimos galegos.
Bieito Lobeira recoñeceu esta mañá en rolda de prensa que “pensamos con
inxenuidade que a teima en defender topónimos deturpados e castrapizados
impostos polo franquismo era dun sector minoritario e friki do Partido Popular”.
“Pola contra -advertiu-, é o propio Partido Popular e o propio presidente da
Xunta o que está a facer proclamas contra a legalidade vixente, dinamitando
consensos de 25 anos que se artellaron arredor da Lei de Normalización
Lingüística e construindo unha monumental mentira sobre a presunta
imposición do galego e mesmo sobre os nomes propios das nosas vilas e
cidades”.
Lobeira lamentou que “o propio presidente da Xunta de Galiza, que debería dar
exemplo de amor polo propio, defenda a ilegalidade, prostituíndo palabras
como liberdade”.
A lei establece que a única forma oficial dos topónimos é a galega
Neste sentido, subliñou que “aínda que evidentemente, a nivel social cada
persoa ten liberdade, a Lei de Normalización Linguística, aprobada por
unanimidade en 1983, establece claramente no seu artigo 10 que os
topónimos en Galiza terían como única forma oficial a galega”.
A este respeito, alertou de que “estes señores do Partido Popular non
pretenden oficializar un topónimo en castelán, senón a castelanización dun
nome galego de cara a substituir a forma galega e continuar coa súa campaña
de desgaleguización do noso país”.
Iniciativa no Parlamento Galego para que PP e PSOE se definan
Ante esta situación, o deputado do BNG presentou unha iniciativa pola que “o
único que lle pedimos á Xunta e ao seu presidente é que cumpra a lei en
materia lingüística e de topónimos”.
“Queremos que o Partido Popular se defina no Pleno do Parlamento Galego e se
hai un sector galeguista do PP comprobarémolo e tamén veremos se o PSOE
defende con coherencia a legalidade vixente e ten un mínimo de sensibilidade
pola cultura do país”, asegurou o parlamentario nacionalista.
Apoio á manifestación da plataforma Queremos Galego
Por último, Bieito Lobeira fixo unha chamada á participación masiva da
sociedade galega na manifestación convocada pola plataforma Queremos
Galego para o vindeiro 18 de outubro en Santiago de Compostela porque “o PP
quere impor un retroceso de 30 anos e volver á situación da lingua galega
durante o franquismo” .
SAÚDOS: Gabinete