18 septiembre 2008

O BNG vota a favor da creación das subcomisións para a reforma da lei do aborto e para o seguimento da lei da violencia de xénero

MADRID (MORRAZO-tribuna).- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, manifestou esta mañá na Comisión de Igualdade o voto a favor do BNG á creación de dúas Subcomisións na Cámara: unha delas para analisar a modificación da actual lexislación sobre a interrupción voluntaria do embarazo, e a outra, para estudar o funcionamento da Lei integral de medidas contra a violencia de xénero. A primeira delas recibiu 21 votos favorábeis, 16 en contra e 1 abstención. A segunda foi aprobada por unanimidade.
Subcomisión para a reforma da lei de interrupción voluntaria embarazo
En relación á Subcomisión para estudar a reforma da lei sobre o aborto, a deputada do BNG subilñou que “é hora de superar a actual lexislación e rematar con situacións de persecucións a mulleres e profesionais sanitarios dos últimos tempos”. Para a parlamentar nacionalista “é importante avanzar nunha lei de prazos, é importante que a interrupción voluntaria do embarazo se poida realizar en centros hospitalarios públicos, e que unha futura modificación da lei conleve plenas garantías para as mulleres”.
Subcomisión para analisar o funcionamento da Lei de Violencia de Xénero
Tamén respaldou o BNG a constitución da Subcomisión para o estudo da posta en marcha da Lei integral de medidas contra a violencia de xénero. Davila afirmou compartir a necesidade deste órgao despois de “catro anos da aprobación desta normativa, un tempo que puxo de manifesto que é preciso analisar certas cuestións”. Para a parlamentar do BNG, hai aspeitos da lei insuficientemente desenvolvidos, hai cuestións que non foron contempladas e factores que se deben revisar.
“Resulta fundamental impulsar o desenvolvimento desta lei porque hai cuestións pendentes, non desenvolvidas. É unha lei positiva pero é hora de que a repasemos”. Asemade, lembrou que neste tema “as Comunidades Autónomas teñen moito que dicer porque moitos dos servizos ás mulleres maltratadas son de ámbito autonómico. Incluso é pertinente que comparezan aquí representantes de CC.AA”, salientou.