16 septiembre 2008

Tódolos grupos que compoñen a Corporación Municipal de Moaña suscriben as alegacións ao Plan Vigo Integra.

MOAÑA (MORRAZO-tribuna).- O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 15 de maio de 2008, declarou o Plan Sectorial Vigo Integra, Plan viario integral da área de Vigo, como de incidencia supramunicipal.
Con data 17 de xullo de 2008 publícase no D.O.G. nº 138 anuncio do 28 de maio de 2008, para facer pública a resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas pola que se somete a información pública dito plan sectorial, durante o prazo de dous meses, así como á consulta das administracións públicas afectadas e ao público interesado para o seu exame e, no seu caso, formulación de alegacións. En reunión celebrada pola Comisión de Portavoces, o 11 de setembro de 2008, os grupos que compoñen a Corporación Municipal de Moaña PP, BNG, PSdeG-PSOE e Iniciativa polo Morrazo suscriben a remisión das seguintes enmendas, independentemente das enmendas que a título particular consideren oportuno formular cada un dos asinantes:

1.- D.1. MELLORA DA PO-313 ENTRE A CG-4.1 E A CIRCUNVALACIÓN DE MARÍN.
O Plan pretende, seguindo o trazado da actual PO-313, mellorar a seguridade viaria desta estrada desde o acceso ao Corredor do Morrazo ata o seu enlace coa circunvalación de Marín. Proponse unha sección de estrada convencional, con dous carrís de 3,50 m., beiravías de 1,50 m. e unha velocidade de proxecto de 60 km/h. Concordando coa necesidade de acondicionar o vial proxectado dadas as múltiples deficiencias de trazado e alto risco para a condución, unido ao incremento do seu uso como vía de acceso desde Marín a Vigo, consideramos pertinente formular as seguintes alegacións: O Concello de Moaña rechaza rotundamente a variante de trazado proposta desde o mirador da Fraga ao acceso ao Corredor do Morrazo, polo lugar de Broullón. A proposta contradí frontalmente o planeamento urbanístico municipal en vigor e o proxectado polo P.X.O.M. de Moaña. A modificación seccionaría en dous o núcleo de Broullón, afectando de forma traumática a varias vivendas e deixando fóra de ordenación outras construídas ao abeiro da normativa urbanística vixente. Proponse manter o trazado actual, dándolle un tratamento de tramo urbano para mellorar a seguridade viaria para condutores e residentes: dotar o tramo de beirarrúas, zonas de aparcamento, alumeado, etc. Dito tratamento urbano debería ampliarse ao tramo da PO-313 desde o acceso ao Corredor e o Portal do Almacén.
Deberase tamén estudiar con detalle o trazado no tramo entre o mirador da Fraga e o alto da Cruz da Maceira, en especial na zona situada por enriba do lugar da Fraga, para evitar terrapléns e trincheiras de alto impacto visual e que poidan poñer en risco as vivendas situadas na zona baixa.

2. D.2. DESDOBRAMENTO DO CORREDOR DO MORRAZO C.G.-4.1
A documentación aportada polo Plan non é suficiente para un pronunciamento definitivo do Concello, que nos reservamos para a presentación do Estudo Informativo xa adjudicado e en elaboración. Non obstante, sobre a documentación coñecida, os grupos asinantes consideran: Calquera actuación encamiñada a mellorar a accesibilidade desde Vigo e o seu contorno á península do Morrazo debe incardinarse non Plano Integral de Mobilidade que teña en conta todas as posibilidades de transporte: transporte de ría, transportes públicos por estrada, transportes alternativos, etc. Centrar as actuacións únicamente na mellora da infraestrutura viaria só conducirá a unha maior saturación do transporte privado e a incrementar os problemas que se detectaron coa posta en funcionamento do Corredor do Morrazo. Boa parte dos problemas de saturación que se producen no actual vial veñen dados polo taponamento na rotonda de enlace do corredor, a PO-551 e o acceso á autoestrada AP-9. A proposta non resolve ao noso entender eses problemas; ben ao contrario, pode agravalos ao dobrar o número de carrís. Proponse que o enlace entre o corredor do Morrazo e a AP-9 se realice á altura da autoestrada, modificando o último tramo do seu percorrido desde o viaduto da Poza da Moura. A potencialidade do corredor do Morrazo como eixe estruturador das comunicacións internas na comarca só poderá conseguirse coa mellora das conexións na rede viaria secundaria (estradas autonómicas, provinciais e locais), que non se contempla no Plan posto a consideración.

3. D.24 CIRCUNVALACIÓN DE MOAÑA.
Ao igual que na proposta anterior, a documentación exposta ao público é totalmente insuficiente para formarse un criterio sobre a actuación que se pretende desenvolver, polo que o Concello resérvase a súa valoración definitiva á conclusión do Estudo Informativo en elaboración. Para contribuír a ese estudo, remítense as seguintes consideracións:
-Deberá redefinirse o ancho de vial para adecualo ao dunha estrada que alcanzará unha grande densidade de tráfico e será no futuro eixe estruturador do crecemento urbanístico e da mobilidade no noso Concello. Consideramos insuficiente o ancho de 7 metros que se propón, se temos en conta que a franxa reservada para a circunvalación nas Normas Subsidiaria de Planeamento vixentes atinxe os 24 metros.
-Deberá redefinirse o perfil do vial para evitar trincheiras e tramos cun desnivel que alcanza o 8%.-O proxecto construtivo debe contemplar o máximo respecto á conformación actual do terreo, polo que se considera inviable a realización dos aterrados nos vales de Reibón, Pozonegro e o Rosal, con inaceptables repercusións na malla urbana e no medio ambiente. Proponse a súa substitución por viadutos.
-Deberá contemplarse as conexións coa rede viaria existente ou proxectada no planeamento urbanístico municipal, como mínimo na estrada de Meira de Arriba, no Touzal, na Chan de Pozonegro e no cruzamento coa PO-313.
-A proposta definitiva debería avaliar as posibilidades de modificación do último tramo do trazado, entre o monte do Carrachal e a PO-313, con vistas a facilitar desenvolvementos futuros que permitan a conexión da circunvalación de Moaña coa de Cangas.
-O proxecto construtivo deberá evitar calquera afección ás vivendas existentes en todo o seu trazado.
Asinan : VOCEIRO DO BNG: D. Valentín Piñeiro González. VOCEIRO DO PSG-PSOE: D. Víctor Pastoriza Lino. VOCEIRO DO INMO: D. José Eulogio Santos Leites. VOCEIRO DO PP: D. José Fervenza Costas