13 octubre 2008

A DEPUTACIÓN RECIBE O PREMIO NACIONAL Ó MELLOR PATROCINADOR QUE CONCEDE A REAL FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE PIRAGÜISMO

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Deputación Provincial de Pontevedra recibirá proximamente o Premio Nacional ó Mellor Patrocinador que concede a Real Federación Española de Piragüismo. A institución provincial recollerá este galardón en recoñecemento pola súa contribución destacada na promoción do deporte e especialmente, neste caso, do piragüismo.
A implicación da Deputación con este deporte materializouse o presente 2008 a través da colaboración con cerca de 70.000 euros con 18 clubs de deporte base náuticos da provincia. Algunhas das entidades beneficiarias foron o Club Rodeira de Cangas; o Club As Torres de Catoira; o Club de Piragüismo Val Miñor; o Club Naval de Pontevedra; a Escola de piragüismo de Poio; ou o Club de Piragüismo Illa de Arousa.
Como xa se deu a coñecer nos días previos ós Xogos Olímpicos de Pekín, a institución provincial concedeulles axudas por importe de 9.000 euros ós deportistas clasificados para participar na cita deportiva, dos cales, catro competiron na disciplina de piragüismo.
Asemade, a institución provincial patrocina anualmente importantes eventos de referencia a nivel nacional. Algunhas destas citas deportivas máis destacadas son o Trofeo Príncipe de Asturias que contou cunha achega de 30.000 euros da Deputación ou a Regata Nacional da Federación Galega de Piragüismo que contou cunha achega de 46.000 euros.
Sen esquecer a Baixada ó río Miño organizada polo Club Kaiak Tudense, e a Baixada ó Río Umia do Club Náutico o Muíño, que tamén contaron coa colaboración da institución que preside Rafael Louzán; ou o II Congreso Internacional de Adestradores en Augas Tranquilas organizado polo Club As Torres, no que tamén se implicou a entidade provincial.
Para finalizar, compre recordar que a Deputación foi a entidade patrocinadora de David Cal, o deportista galego con máis medallas olímpicas.