14 octubre 2008

Historiador galego afincado en Euskadi pronuncia conferencia sobre a historia dos acordos trilaterais entre nacionalistas galegos, vascos e cataláns

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- A web nacional do BNG publica unha entrevista a Xosé Estévez, quen pronuncia hoxe unha conferencia nos 75 anos do Pacto Galeuzca asinado en Compostela en 1933. “Da triple alianza ao Galeuzca de Caracas (1923-1959)” é o título deste acto organizado pola Fundación Galiza Sempre.
Estévez asegura na entrevista que o pacto de Compostela de 1933 se asina “nun momento con circunstancias históricas especiais”. “Catalunya xa tiña un estatuto en vigor, pero as competencias estábanselle transferindo concedendo con retraso, pinga a pinga; mentres que Galiza e o País Vasco non tiñan aínda Estatuto, pero si había unha importante mobilización autonomista”, lembra.
No texto, que podedes ler completo nesta ligazón , o profesor Estévez fala tamén dos precedentes históricos (a tripla Alianza de 1923) e da continuidade que o pacto Galeuzca tivo no exilio, tras a Guerra Civil e mesmo na declaración de Barcelona (1998) e no actual Galeuscat, consecuencia da anterior.
Xosé Estévez naceu en Quiroga (Lugo) en 1943. É diplomado en Estudos eclesiásticos, Licenciado en Filosofía en Letras pola Universidade Complutense de Madrid e doctor en Filosofía e Letras pola Universidade de Deusto, da que é profesor no Campus de San Sebastián dende 1973. Ten publicado numerosos libros e artigos sobre os nacionalismos peninsulares e diferentes aspectos da historia, a literatura ou a etnografía galegas. Foi creador da Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Deusto e actualmente colabora os mércores na Radio Galega, no programa “O tren do serán”. É socio das Fundacións Castelao, Alexandre Bóveda. A conferencia será ás 19.00 na sede da Fundación Granell (Pazo de Bendaña).