14 octubre 2008

O Banco do Tempo e Universidade de Vigo colaboran con novos cursos gratuítos de informática

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- A partir do mes de outubro, todos os mércores e durante dúas horas, os alumnos e mestres da Escola Superior de Telecomunicacións impartirán clases de informática personalizadas aos socios e socias do Banco do Tempo e ás persoas interesadas. Deste xeito e por segundo ano consecutivo o Banco do Tempo retoma a súa colaboración coa Universidade de Vigo.
As clases serán individualizadas: contidos, explicacións e niveis formativos adaptaranse ás necesidades específicas dos aprendices. Alumnos e alumnas dispoñerán dun ordenador por persoa e contarán en todo momento coa axuda exclusiva dun estudiante da escola que fará as veces de mestre.
Esta iniciativa púxose en marcha o ano pasado e nelas participaron unha media de 15 soci@s do Banco. Foi e segue sendo posible grazas a un socio do BdT, Xulio Fernández, que é mestre da Universidade de Vigo; de tal xeito que el e mailos seus alumnos de Telecomunicacións participan activamente nas clases que reciben as persoas que decidan participar nesta experiencia.
Os obradoiros desenvólvense na Escola Superior de Telecomunicacións, nos laboratorios de informática no Campus das Lagoas Marcosende e son completamente de balde. As persoas interesadas en asistir tan so teñen que en contacto co Banco de Tempo da FAVEC achegándose polo seu local na praza da Princesa nº7, 2º, chamar ao teléfono 986 223 067 ou dirixir un correo electrónico bancosdotempo@favec.es.