PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo apelou hoxe ao espírito conciliador que predominou no proceso autonómico galego e que fixo posible “que o noso autogoberno nacese coa marca da concordia”. O xefe do Goberno galego fixo estas afirmacións durante a homenaxe que Pontevedra lle rendeu esta tarde a Xosé Filgueira Valverde e a Enrique Rajoy Leloup, que foron nomeados a título póstumo fillos predilecto e adoptivo, respectivamente, pola Deputación Provincial.
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico puxo en valor as achegas de ambos os dous políticos e intelectuais á construción do autogoberno galego en distintos momentos da historia. Así, lembrou como, foi o concelleiro compostelán Enrique Rajoy Leloup quen impulsou en abril de 1932 a moción que derivaría no Estatuto do 36, mentres que Xosé Filgueira Valverde foi, xa en 1982, como responsable de Cultura do primeiro goberno galego, protagonista da auténtica posta en marcha da autonomía.
Feijóo resaltou o esforzo de harmonía realizado por ambos, e afirmou que “xentes como Filgueira e Rajoy hainas en todas as épocas, e sempre son representativas do espírito que latexa na maioría da sociedade”. Sinalou que, ás veces “esas voces tranquilas e harmónicas son alougadas por outras que predican o enfrontamento e sementan a xenreira”, e salientou que “a historia houbera discorrido doutra maneira de ter predominado naquela República o talante aberto” de homes como Rajoy Leloup e Filgueira Valverde.
O presidente da Xunta resaltou que o espírito conciliador si predominou na nova etapa da autonomía galega, polo que, ao carón da “milagre” do proceso democrático español, reivindicou “a milagre autonómica galega”, que fixo da nosa Comunidade “un exemplo para os que desexan aunar a defensa do propio, coa participación en empresas superiores”.
Nesa liña, o xefe do Goberno galego destacou que a autonomía se construíu con diferentes achegas, ao igual que sucedera durante a República, cando tres políticos ideoloxicamente tan dispares como Rajoy Leloup, Osorio Tafall e Alexandre Bóveda, a través do “mutuo entendemento e afecto” impulsaron o Estatuto ata chegar á súa aprobación final.
Alberto Núñez Feijóo lamentou que “o empeño dalgúns por fabricar historias esquemáticas nas que Galicia e o seu autogoberno son patrimonio dunha única tendencia, nos prive da satisfacción de ver ese pasado en toda a súa autenticidade”, unha historia real na que “un liberal, un republicano e un nacionalista soñan e traballan xuntos”.
O presidente da Xunta sinalou que a consecuencia lonxana da iniciativa de Enrique Rajoy foi a constitución do primeiro Parlamento galego o 19 de decembro de 1981. “O seu neto Mariano estaba alí. Daba comezo outra etapa da historia na que vostedes e eu estamos xuntos, na que Galicia debe seguir camiñando unida”, concluíu.