15 mayo 2009

El PP denuncia en Redondela que las obras del Plan-E dan empleo más bien a gente de fuera...

REDONDELA (MORRAZO-tribuna) .- O Partido Popular de Redondela critica a acción levada a cabo polo goberno local respecto das obras do Fondo Estatal de Inversión Local. “De 237 postos de traballo que din vai crear este plan, só 84 serán ocupados por redondeláns, unha cantidade insignificante dada a situación actual de desemprego”, sinala a voceira popular Francisca Canal. A isto engádeselle a brevidade dos contratos, que serán de tres, catro e seis meses, “o que non vai a solucionar a problemática do paro en ningún municipio e menos aínda en Redondela”. Os populares denuncian que “non se trata de ningún plan anticrise como quere vender o goberno”, que presume desta execución como “dunha magnífica inversión cando realmente non a é”, asegura Canal.

Cun importe total de 5,1 millóns de euros realizaranse obras que, unha vez máis, “séguense a retrasar e non son as máis adecuadas e necesarias neste momento”. Deste xeito, o Partido Popular insiste que as obras seleccionadas non son as máis apropiadas e urxentes para o municipio, como é o caso das humanizacións de diferentes rúas, “unha actuación que, como xa se comprobou, resulta prexudicial para os comercios”; esquecéndose doutras cuestións tan importantes como son un novo pavillón, a depuradora e unha maior atención ás parroquias.

Neste senso, os populares instan a que Xaime Rei e o seu anunciado sucesor, Eduardo Reguera, actúen con responsabilidade e compromiso, velando polos intereses dos redondeláns, unha cuestión da que Reguera vai presumindo en todos aqueles eventos ós que acude en representación do Alcalde e que a vista do acontecido non cumpre, “deixando moito que desexar para acadar os obxectivos dun concello responsable e cumpridor como debe de ser o noso”, conclúe Canal.