08 mayo 2009

Xunta : BNG ve cachondeo en las contradicciones del presidente y conselleiro de Industria sobre las ayudas al automóvil

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) . O portavoz do BNG en materia de Industria e Emprego, Henrique Viéitez, vén de rexistrar unha pergunta con resposta oral en Comisión sobre o anunciado plan de axudas directas para a industria do automóbil e a “ausencia de rigor” do goberno galego.

O parlamentar nacionalista evidencia na súa iniciativa as numerosas contradiccións en que ten incurrido o novo goberno na súa aínda cativa experiencia e, nomeadamente, refírese ao feito de que o Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciase nas súas primeiras declaracións unha liña de axudas de 1.000 euros por mercar un vehículo para ser, de seguido, desautorizado polo presidente da Xunta.

O portavoz de Industria subliña que o titular de Industria marcou “como primeiro obxectivo as axudas ás empresas do sector do automóbil” e, de aí, o seu anuncio dun plan de axudas inexistente desmentido despois por Núñez Feijóo.

Mais, as contradiccións continuaron xa que, nos últimos días, o conselleiro afirmou no Salón do Automóbil de Vigo que “aposta de novo por un plan de axudas directas para dar o pulo definitivo á industria automobilística”.

O deputado nacionalista advirte de que, segundo teñen recollido os medios de comunicación, o Ministerio de Industria “nin sabe nada deste plan nin tan sequera das intencións do goberno galego a este respecto”.

Xerar un clima de confianza en época de crise

Henrique Viéitez denuncia o feito de que nunha situación de crise como a actual, este tipo de declaracións, “nas que se observa unha falta de rigor e unha grande dose de improvisación non son as máis adecuadas para xerar un clima de certa confianza”.

Agora, o parlamentar quer que o goberno aclare na Cámara Galega cales foron as causas que motivaron as declaracións do Conselleiro, desautorizadas despois polo presidente da Xunta e se “existe algún tipo de plan deseñado desde o goberno para facer fronte á situación do sector do automóbil”.

En caso de existir realmente este plan, Viéitez pide á Consellaría que especifique “cales serán as súas liñas básicas de actuación, tanto para as empresas produtoras, como para as ensambladoras e a industria auxiliar” e en que prazo ten pensado presentar este plan o goberno galego.