15 septiembre 2008

Iago Tabarés e Carlos Aymerich preguntan
se os extravíos de expedientes penais
son un feito illado ou se producen con frecuencia

PONTEVEDRA / A CORUÑA .- O grupo parlamentar do BNG, a través dos seus deputados Iago Tabarés e Carlos Aymerich, quer coñecer as medidas que existen ou que se van implementar para evitar “extravíos” de expedientes penais como o acontencido coas dilixencias previas que se seguían no Xulgado de Instrución nº5 da Coruña en virtude dunha denuncia contra Francisco Vázquez, ex alcalde da cidade.
Os deputados rexistraron unha iniciativa parlamentar coa que queren saber se se trata dun feito illado e puntual ou se se produce con frecuencia, pois consideran que a gravidade do suceso, “tanto por razóns subxectivas como obxectivas”, é obvia e pensan que para un funcionamento correcto da Administración de Xustiza é fundamental que se estableza un sistema que permita coñecer tanto o estado dos procedementos como a localización física dos seus expedientes.
Tabarés e Aymerich lembran que, como consecuencia dunha denuncia presentada polo Movemento polos dereitos Civís contra Paco Vázquez no Xulgado de Instrución nº5 da Coruña, se incoou o procedemento dilixencias previas nº848/05. O 7 de Decembro de 2005 ditouse un Auto de sobresemento provisional pero este foi recorrido en Reforma polo denunciante e foi admitido a trámite por resolución xudicial de 11 de Xaneiro de 2006, do que se lle deu traslado tanto ao Ministerio Fiscal como ás demais partes persoadas.
Segundo os dados dos parlamentares, no informe remitido pola titular do Xulgado de Instrución nº5 ao Valedor do Pobo explícase que o expediente xudicial saíu das dependencias da fiscalía en data 1 de Marzo de 2006, malia o que non consta actuación xudicial posterior.
“Non só non consta actuación xudicial posterior senón que tampouco existe constancia da entrada das mesmas nin no Xulgado de Instrución nin en ningunha outra unidade xudicial. Val dicir, as dilixencias previas extraviáronse”, conclúe Tabarés.
Para estes deputados, cómpre chamar a atención tamén no feito de que tivera que ser o Valedor do Pobo quen, a instancias do Movemento polos dereitos civís, puxera de manifesto o acontencido e instara ao Xulgado á reconstrución do expediente xudicial e á continuación da tramitación do procedemento.
“Isto é –engade Iago Tabarés- foi a intervención do Valedor do Pobo a que permitiu averiguar que un expediente xudicial saíra dun xulgado de instrución e non volvera”.
Ante a gravidade destes feitos, o parlamentar pregunta se a Xunta ten constancia dos mesmos e se ten avaliado as consecuencias, mesmo xurídicas, de tal suceso, que poderían mesmo implicar a prescripción do ilícito penal denunciado.
Asemade, quer saber se se podería ter detectado o extravío de non mediar a intervención do Valedor, se se realizou algunha xestión para localizar o expediente e que medidas ou protocolos se teñen implementado para evitar que se repitan feitos semellantes.