15 septiembre 2008

Fin de semana : 111 persoas asistidas polo 061

PONTEVEDRA.- Urxencias Sanitarias de Galicia -061 asistiu durante a fin de semana a un total de 111 persoas debido a 79 procesos de asistencia por accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do venres 12 de setembro, ata as 23:59 horas do domingo 14 de setembro. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado con 35 procesos asistenciais.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 109 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 79 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 111 persoas.
A proporción de homes atendida foi do 72 por cento e a de mulleres do 28 por cento. No que se refire ás idades dos feridos, obsérvase que un 49 por cento dos atendidos ten entre os 15 e os 34 anos.
Por provincias foi a de Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 40 sinistros durante os desprazamentos destas datas.