17 septiembre 2008

Plan Vigo Íntegra : o BNG, claramente
está na Oposición ao "modelo Caride"

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O Plan Vigo Íntegra ten claramente enfrente ao BNG e mais xentes. Semella que foi producto de certas calenturas e presas que agora, pouco a pouco, os que alegan, estan a poñer de manifesto... O caso é que o BNG de varias comarcas, esta mesma tarde, situou enriba da mesa da conselleira Caride o seu rotundo "non". Cumpre agora saber o que se alega...
As organizacións comarcais do BNG de Vigo, O Morrazo, Baixo Miño e O Condado elaboraron unha serie de alegacións ao Plan Viario Integral da Área de Vigo, "Vigo Íntegra" . Están feitas desde unha perspectiva global e atenden aos problemas locais que este provoca.
Texto da alegación:

XUNTA DE GALICIA
Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes
Dirección Xeral de Obras Públicas
ASUNTO: Información Pública do Plan Viario Integral da Área de Vigo, "Vigo Íntegra"

Iniciado o período de exposición pública do Plan Viario Integral da Área de Vigo, "Vigo Íntegra", e dentro do prazo de alegacións, as comarcas do BNG de Baixo Miño, O Condado, O Morrazo e Vigo, e no seu nome os/as seus/súas Responsabeis Comarcais, exercen o seu dereito ao obxecto de axudar a mellorar os obxectivos enunciados dende o punto de vista do custe social, económico e medioambiental, así como a súa conexión co planeamento urbanístico polos concellos que pasa.
Se temos en conta a grande interdependencia e forte relación entre os distintos concellos afectados e a súa área de influencia, xunto á necesidade de estructurar a área metropolitana de Vigo a xeito de resolver carencias detectadas dende fai tempo, é prioritario e urxente acometer medidas de caracter multisectorial que permitan dar resposta aos problemas que día a día vive o conxunto da poboación e as persoas usuarias desta área xeográfica así como dar resposta acaída ás demandas que se veñen reivindicando dende distintas administracións e entidades sociais e económicas.
Estudadas as distintas propostas de actuación presentadas no plan sectorial denominado Vigo Íntegra, Plan viario integral área de Vigo, clave PO/06/009.00, declarado como de incidencia supramunicipal por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de maio de 2008, e analisada a súa incidencia e as consecuencias derivadas do seu posíbel desenvolvemento, é polo que presentamos as seguintes
ALEGACIÓNS
Ø Esta redactado en español, o que non corresponde co papel e función que debe desempeñar unha administración galega e representante do pobo galego, debendo ter como idioma vehicular o galego. Pero se é incorrecto a lingua en que se presenta, é inadmisíbel que non se respecten os nomes dos lugares, cidades, etc., reseñados no propio plano o que representa un desprezo ás propias decisións que a Xunta de Galicia, da cal forma parte esa Consellería, ten adoptado, promovido e defendido.
Ø Pretende ser unha “estrategia de mobilidad sostenibel mediante la disociación entre el crecimiento del transporte y el crecimiento económico, y desarrollo de alternativas al transporte en vehículo personal, al transporte de mercancías por carretera y la medición correcta de sus costes”. Da análise da documentación desprendemos as seguintes conclusións:
o so contempla e fai referencia a unha única modalidade de transporte cal é o transporte mediante vehículo particular,
o non analisa as comunicacións viarias da área do estudo e a súa interconexión coas principais vía de comunicación aéreas, marítimas e terrestres existentes, sendo boa proba delo que non nomea en ningún momento o transporte marítimo da ría e/ou a súa conexión coa estación intermodal en Vigo, ou o desenvolvemento do ferrocarril metropolitano nas súas distintas variantes, ou a conexión da periferia coa alta velocidade,
o non contempla aparcamentos disuasorios na orixe, que son os que xeran o tráfico, e só catro na cidade de Vigo que son máis ben para solventar problemas derivados dos servizos ou actividade desenvolvidos no propio lugar: Balsa, industria da automoción; novo hospital Beade-Valadares; Avd. Madrid e IFEVI, recinto feiral,
o as infraestructuras viarias, como proposta illada, tal e como quedou demostrado coa posta en funcionamento da Vía Rápida do Morrazo, non son a solución a un problema de vertebración territorial.
o en toda a proposta traslada unha concepción illada deste segmento do transporte e, polo tanto, non representa unha peza máis do necesario equilibro para o transporte intermodal.

Ø Carece da máis mínima rigurosidade nas propostas e representa unha improvisación atrevida, xa que non hai un estudo de campo previo con un mínimo de seriedade, sendo as actividades máis importantes as baseadas na caracterización dos movementos dos principais pontos de intersección do viario urbano de Vigo, durante tres días.
Ø Falla, pois, un estudo de tráfico previo, que permitira caracterizar a mobilidade da área metropolitana e determinar a funcionalidade e idoneidade das propostas de actuación.
Ø Por outra banda nin tan siqueira se molestaron en ter unha cartografía actualizada, o que representa unha insensatez pois engadido a falta de descoñecemento da xeografía, chegan a facer propostas tremendamente agresivas co entorno e/ou un enorme custe social, ou inviables tecnicamente ou, mesmamente, entrando en contradicción con planeamentos xa aprobados pola propia Consellería. Esta situación provoca indefensión das persoas afectadas, xa que non hai certeza de por onde realmente pasa ou cría afeccións.
Ø Cría afeccións de 150, 120 e 60 m. dependendo do tipo de vía que tratemos (autoestrada, autovía ou estradas de catro carrís, vías rápidas ou estradas convencionais), pero con incerteza das afeccións, motivada igualmente na utilización de cartografía non actualizada.
Ø Tamén utiliza distintos planos dependendo de se se tratan planos do capitulo 5 (Planeamento urbanístico) ou do capitulo 8.3 (Trazado dos esquemas viais) o que non permite saber con exactitude cales son as afeccións reais.
Ø Amosa un total descoñecemento da realidade social, económica e xeográfica, e transmite unha concepción elitista do conxunto do territorio, centrado en Vigo pero cunha idea ou modelo de asentamentos periurbanos desfasada e nada acorde coa realidade, xa que trata a estas áreas como zonas dormitorio, depósitos, en detrimento dun modelo de vida vilego que deberá ser un modelo tamén a defender como alternativa ás aglomeracións das grandes cidades e como vertebración das zonas rurais. Ao mesmo tempo, e a nivel funcional, os concellos da área afectada teñen superado a nivel funcional, social, económico, etc. os seus propios límites municipais que responde a unha dinámica supramunicipal.
Ø Fai propostas que son unha mera declaración de intencións xa que non ten concreción algunha. Caso é o exemplo da vía proposta entre a “Cidade do Mar” e Buenos Aires en Vigo.
Ø Pola contra, varias das propostas presentadas para o Val Miñor abren unha interrogante, xa que desembocan na AG-57. Pretenden dar teóricas solucións aos problemas existentes obrigando, con estas propostas, ao uso dunha vía con peaxe?
Ø Esquécese, ainda que só sexa unha proposta parcial ou sectorial, da utilidade das comunicacións como un dos elementos máis uteis e dinamizadores da vertebración territorial para acadar unha estructuración acorde as necesidades deste territorio e sentar as bases da construcción da área metropolitana. Neste senso a Consellería fuxe dun dos seus papeis principais cal é ser unha administración cunha visión ampla e de futuro, que sexa capaz de superar os localismos e o curtoplacismo.
Ø Preséntase como un plan sectorial e, polo tanto, supramunicipal, o que representa que as actuacións contempladas no mesmo, unha vez que cheguen a fase de aprobación do seu proxecto de trazado, é dicir este plan adquire a condición de vinculante para as administracións afectadas incumprindo dun xeito escandaloso a legalidade vixente xa que contempla diversa documentación a cal definira en liñas xerais todas as opcións de trazado estudadas, estudos de impacto ambiente, análise de vantaxes, inconvenientes e custes e a repercusión no transporte e na ordenación territorial e urbanística de cada unha das opcións procedendo, logo, a escolla da opción máis recomendabel. Esta situación vai obrigar aos concellos, e terán que adaptar o seu planeamento cun prazo máximo dun ano dende a entrada en vigor.
Ø A xeito de conclusións hai que destacar varios aspectos:
o debuxa un futuro cun incremento substancial dos desprazamentos cando o incremento da poboación vai ser relativamente moderado,
o o propio plan salienta como o efecto máis significativo o aforro de tempo nas viaxes, pero a que custe? Onde está a sostibilidade cando o incremento da rede modelizada é dun 34´3% e pola contra o descenso de vehículos/Km. cífrase nun 4% aproximadamente pero que é como consecuencia da lonxitude viaria que se incrementa. O propio plan recoñece a súa perversidade e o fomento do transporte privado fronte o necesario fomento do transporte público.
Por todo o exposto,
SOLICITAMOS
Que tendo presentado este documento en debido tempo e forma, admitan as presentes alegacións e retiren o plan para a súa reformulación e negociación cos concellos afectados.
En Vigo, a 16 de setembro do 2008.
Asinado:
Responsábel Comarcal BNG Baixo Miño, Alberte Alonso Pérez
Responsábel Comarcal BNG O Condado, Sandra Araújo Carballido
Responsábel Comarcal BNG O Morrazo, Eugenio Piñeiro Costa
Responsábel Comarcal BNG Vigo, Mª Manuela Rodríguez Pumar