17 septiembre 2008

Congreso : aproban proposta do BNG
sobre rehabilitación de vivendas

MADRID (MORRAZO-tribuna).- A Comisíon de Vivenda do Congreso dos Deputados aprobou esta tarde por unanimidade, e a proposta do BNG, instar ao Goberno a consensuar coas Comunidades Autónomas, no marco do proceso aberto para a elaboración do próximo Plano Estatal de Vivenda 2009-2012, os criterios para definir a rehabilitación de vivendas acollidas a planos autonómicos de xeito que se poidan beneficiar das mesmas deduccións fiscais que as estatais.
A Comisión de Vivenda debatía unha proposición non de lei do BNG neste sentido. O deputado nacionalista, Francisco Jorquera, posibilitou a aprobación da súa iniciativa despois de transaccionar un acordo co grupo socialista xa que non modificaba as demandas do BNG.
Incongruencia da normativa actual
Jorquera puxo de manifesto que a lexislación actual, tanto a Lei 35/2006 do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas como o Real Decreto 439/2007 do Regulamento do IRPF, establecen a posibilidade de deducir as cuantías por adquisición ou rehabilitación de vivenda habitual pero, mentas as cousas son moi sinxelas para deduccións por adquisición de vivenda, o tema complícase nos casos da rehabilitación.
Subliñou que “a normativa exclúe das deduccións fiscais a todas as actuacións en rehabilitación que se realizan ao abeiro da normativa autonómica da Xunta”. Precisamente, recalcou, os mesmos dados do Ministerio de Vivenda dan testemuña da importanza da actividade rehabilitadora na Galiza que, cumpriu con creces os obxectivos de rehabilitación do programa do ano 2005, do ano 2006 e inclúe moitas actuacións neste ámbito no programa 2007.
O peso da rehabilitación na Galiza
Para o deputado do BNG esta situación “é incongruente” debido a diversos motivos. En primeiro lugar, “porque a política de vivenda está transferida e non é lóxico que non se contemplen as mesmas desgravacións fiscais”. Recalcou que existe un importante parque de vivendas desocupadas e a rehabilitación de vivendas debería ser unha prioridade “antes da construcción de novas casas”. Sen esquecer, a “importanza que todo isto ten na Galiza onde hai moita poboación no rural e relevantes conxuntos históricos”.
Ademáis, puntualizou, “a Constitución ampara o dereito a unha vivenda digna pero na práctica só se impulsa a adquisición de vivendas”, e “nun contexto de crise económica cantas máis medidas se impulsen no ámbito da rehabilitación pode axudar ao sector da construcción, un dos sectores en crises”.