VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Os concellos da comarca de Vigo disporán dun total de 317.731,76 euros para executar actuacións incluídas no Plan Provincial de Cooperación (PPC) que xestionará a Deputación Provincial de Pontevedra en 2009. Esta liña de axudas está financiada pola institución provincial, os concellos beneficiarios e o Ministerio de Administracións Públicas (MAP).
A falta de confirmar a achega do MAP, o PPC posibilitará a execución de obras na provincia de Pontevedra por arredor de 6.584.056,96 millóns de euros. Esta liña de investimentos irá dirixida á promoción de calquera tipo de obra de competencia municipal nos concellos de menos de 50.000 habitantes. Os importes deste plan distribuiranse empregando como criterio obxectivo unha porcentaxe do 60% para o peso poboacional do municipio e do 40% para o criterio de superficie.
As obras incluídas nestes plans selecciónanse a partir das propostas formuladas polos concellos, que terán como data límite para presentar as solicitudes o vindeiro 12 de xaneiro de 2009. Así mesmo, serán os propios concellos os encargados de tramitar a contratación, seguimento e xustificación das obras incluídas no plan.
O Plan Provincial de Cooperación poderá financiar en todos os municipios actuacións no alumeado público, cemiterios, recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento de auga potable, sumidoiros e pavimentación de vías públicas.
Ademáis das actuacións anteditas, nos municipios con máis de 5.000, habitantes tamén se poderán realizar con cargo a este plan obras en parques e bibliotecas públicas, mercados e tratamentos de residuos.
Finalmente, nas áreas de máis de 20.000 habitantes, ademais de todas as actuacións mencionadas, tamén se poderán executar actuacións para protección civil, prevención e extinción de incendios, instalacións deportivas e servizos.
Reparto por concellos:
Fornelos 68.193,03 euros
Pazos 58.322,27 euros
Redondela 133.879,96 euros
Soutomaior 57.336,50 euros
TOTAL COMARCA 317.731,76 euros