VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O vicepresidente provincial e presidente do Padroado de Turismo Rías Baixas, José Manuel Figueroa, presentou hoxe na sede da Deputación en Vigo, a feira de turismo “Algarve invita Galicia” que terá lugar no recinto feiral do IFEVI os días 16 e 17 de maio.
Figueroa estivo acompañado na presentación polo presidente da Asociación de Turismo do Algarve, Antonio Ventura, o presidente da AHOSVI, Jaime Fernández, o xerente do IFEVI, Arsenio Prieto, e o presidente da Fundación Luso Galaica, Antonio Reguera, quen adiantou que “agora o Algarve ven a Galicia, pero pronto, dentro dun mes, será Galicia quen acuda ó Algarve a presentar o seu turismo”.
Neste sentido, explicou Figueroa, “está previsto que no vindeiro mes, unha expedición de Turismo Rías Baixas acuda ó Algarve, en concreto á cámara de Albufeira, para promover e difundir as excelencias da nosa provincia, que ten moitísimos atractivos”.
O vicepresidente provincial recordou que “o sector turístico das Rías Baixas demándanos unha maior promoción da provincia en Portugal, pois este país aportou o ano pasado máis de 1’8 millóns de visitantes ás Rías Baixas”.
Pola súa banda, Antonio Ventura, presidente da Asociación de Turismo do Algarve, aproveitou a ocasión para lembrar a oferta turística do Algarve, “que é azul e verde, azul polo mar e verde pola súa natureza”, nunha rexión que conta con “54 praias con bandeira azul, 38 praias accesibles, 34 campos de golf considerados dos mellores do mundo e 9 puntos de observación de aves”.
Neste sentido, o presidente da Asociación de Turismo do Algarve, apuntou que “vimos a Vigo a aprender, porque, aínda que o nivel de promoción do sector en Portugal está moi avanzado, quedan moitas cousas por aprender e recoñecemos que Galicia leva vantaxe na promoción do turismo cultural e relixioso”.
Novas propostas conxuntas
Nesta liña, Reguera avanzou que a Fundación Luso Galaica “vai presentar á Deputación unha proposta para elaborar un novo camiño santo, que iría de Santiago a Fátima e de Fátima a Santiago, para estreitar aínda máis os vínculos de unión que irmanan os dous países”.
Ventura, quen tamén adiantou “un proxecto de irmanamento entre España e Portugal coa potenciación dos portos de Lisboa, Algarve e Sevilla como sedes de partida das viaxes do Descubrimento de América que atraería fortemente ó sector de China e Xapón”, quixo destacar, por último, a importante labor do goberno portugués á hora de revitalizar o turismo no sur de Portugal mediante “a rehabilitación da malla urbana, a construción de novos hoteis de calidade e a indispensable formación no eido da hostalería”, ó tempo que felicitou á Deputación de Pontevedra pola súa promoción do turismo a través do seu órgano autónomo, Turismo Rías Baixas.