
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación, Rafael Louzán, mantivo hoxe a primeira xuntanza de traballo co novo alcalde de Cambados, Luís Aragunde.
Nesta xuntanza, ambos dirixentes trataron diversas cuestións que afectan ó municipio. Así, o rexedor solicitou a colaboración da Deputación para continuar organizando diversas actividades con motivo do Ano Cabanillas.
Do mesmo xeito, Aragunde plantexoulle ó presidente a necesidade de remodelar a piscina municipal para adaptalas ás demandas actuais. Neste senso, Aragunde explicou que “temos a idea de crear un spa que sirva tanto para uso dos veciños, como para os turistas”. Para o alcalde esta constituiría una “boa aposta para potenciar o sector do turismo e por extensión do comercio nuns momentos nas que todas as axudas son poucas”.
Finalmente, Louzán e Aragunde falaron sobre a situación das infraestruturas provinciais, así como sobre a necesidade de crear novos aparcadoiros na vila.
O alcalde de Cambados manifestou a súa satisfacción pola xuntanza mantida con Rafael Louzán posto que consideraba que “a primeira visita que tiña que facer como alcalde era a esta casa que é a administración máis cercana”.
Con respecto ó hipotético traslado do Consello Regulador á comarca do Salnés Luís Aragunde quixo aclarar que “para nós non existe esta polémica posto que consideramos que foi o propio sector o que escolleu a ubicación desta sede”. O alcalde comentou que, en todo caso, “Cambados seguirá sendo a capital do albariño” e asegurou que esta vila “non perdeu ningún protagonismo con motivo da instalación en Pontevedra da sede do Consello”. Non obstante, comentou a intención de pontenciar na medida do posible a subsede, a sede histórica de Cambados.