08 mayo 2009

Continúa Feijóo su peregrinaje jalonado de promesas por doquier...

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo subliñou hoxe que o seu Goberno non escatimará esforzos para demandar ao Goberno central e á Administración europea que o Fondo Europeo de Pesca “sexa accesible a todas as empresas do sector, con independencia da súa dimensión”, e que se impoñan as mesmas esixencias aos produtos procedentes dos Estados membros para que as industrias galegas poidan competir ”en igualdade de condicións”.

“Estamos convencidos de que as grandes industrias actúan como locomotora do resto”, remarcou o titular da Xunta na súa intervención no acto de entrega dos premios Anfaco, no que estivo acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana. O presidente lembrou o compromiso do Goberno galego co complexo mar-industria de Galicia adquirido, dixo, desde a creación “por primeira vez en 27 anos de autonomía”, dunha Consellería encargada de xestionar “todo o que ten que ver co mar” e agrupar a conxunción de intereses de todo o ámbito marítimo.

Afrontar a crise desde unha posición privilexiada
Referiuse no seu discurso, á actual situación de crise económica que, dixo, é “un desafío para todos” porque, “evidentemente ningún ámbito é impermeable”. Fronte a isto, contrapuxo a progresión que ao longo dos anos tivo o sector conserveiro en Galicia, “a primeira potencia europea do sector e a segunda do mundo”, para instar a que este liderado sexa “a fortaleza que nos permita superar con nota os retos de futuro”.

“Non hai dúbida de que estamos ante un piar fundamental da industria galega e ante un referente mundial, o que nos permite afrontar o actual contexto de innegables dificultades desde unha posición privilexiada”, reiterou o xefe do Executivo galego, quen considerou necesario “manter e ampliar a nosa condición sobresaínte e de excelencia”. “Temos que potenciar a calidade, a marca e a innovación, porque sabemos que nesta fórmula está a nosa capacidade de competir”, subliñou. “Non debemos de caer no falso dilema de ter que elixir entre o curto e o longo prazo”, incidiu o titular da Xunta.

O mandatario galego apuntou que o reto é encarar o máis urxente pero, tamén, impulsar os cambios e as reformas estruturais que garantan a viabilidade futura do sector. Para iso, sinalou que a Xunta “será sensible” aos problemas inmediatos e ás dificultades de financiamento co compromiso de reforzar a competitividade neste momento “clave”, recalcou.

Firme apoio ao Plan Estratéxico da Conserva
Neste sentido, Núñez Feijóo anunciou que o Goberno galego apoiará “de forma decidida” as propostas que recolle o Plan Estratéxico da Conserva 2007-2013, cun grao de execución ata o de agora “máis que cuestionable”, lamentou. “É urxente defender a inversión en I+D+I para que o sector conserveiro sexa punteiro na industria alimentaria e a Xunta contribuirá a elo apoiando as inversións que se fagan neste sentido”, reiterou.

Ademais, avanzou que o seu Executivo fomentará a creación dunha estrutura empresarial robusta, a través de alianzas estratéxicas para que o sector sexa máis competitivo. Tamén, mediante incentivos ás empresas para minimizar os efectos da crise, e a través de accións encamiñadas a facilitar a concentración de firmas, a estabilidade laboral e incluso dinamizar a creación de traballo nun sector con especial incidencia no emprego feminino.

“Estamos convencidos de que todo o sector goza das máis amplas posibilidades de desenvolvemento no futuro grazas á súa apertura de miras, á súa ambición sen límites, ao seu prestixio consolidado e, agora tamén, ao respaldo garantido do Goberno”, aseverou Feijóo.