08 mayo 2009

Xunta : Díez de Castro se hace con la secretaría xeral de Universidades

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .-O profesor universitario José Alberto Díez de Castro prometeu hoxe o seu cargo como secretario xeral de Universidades, nun acto presidido polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad. O novo integrante do departamento educativo galego afronta as súas novas responsabilidades con satisfacción e ilusión, consciente da responsabilidade e do reto que supón o impulsar o sistema universitario galego nunha situación de forte axuste orzamentario.

Tras o nomeamento acordado onte polo Consello da Xunta, a sede da Consellería de Educación en Santiago de Compostela acolleu esta mañá o acto que oficializa o novo posto de José Díez de Castro. No mesmo, xunto ao conselleiro, estiveron presentes o secretario xeral de Educación, José Luis Vázquez Fernández; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema; e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez; así como familiares e amigos do novo alto cargo.

Jesús Vázquez saudou a incorporación do novo secretario xeral de Universidades no equipo da Consellería de Educación e animouno a traballar e desenvolver as súas novas tarefas con ilusión e dedicación, ao tempo que lle lembrou que terá que facelo nun momento de dificultade económica en Galicia, España e no mundo.

O conselleiro apelou ao traballo e afirmou que o equipo directivo do seu departamento está chamado a intentar non defraudar os intereses da educación e de Galicia.

Pola súa banda, José Díez de Castro, para quen é un motivo de satisfacción asumir a coordinación e impulso do sistema universitario de Galicia, agradeceu a confianza que supón o seu nomeamento. Tamén expresou a súa vontade de cumprir as expectativas abertas coa súa chegada ao cargo, pese a producirse nun momento de axuste orzamentario moi forte en un entorno moi negativo.

O secretario xeral de Universidades afrontará a curto e medio prazo cuestións tan relevantes como a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, o novo marco de financiamento universitario, un novo mapa de titulacións axustado á oferta e demanda profesional, a redución da taxa de fracaso universitario e a mellora da competitividade.

Díez de Castro asegurou que asumirá con urxencia as súas responsabilidades porque a Secretaria Xeral de Universidades debe axudar a que a Consellería de Educación acade os seus obxectivos e, sobre todo, que Galicia poida mellorar a súa posición en España e en Europa.

Traxectoria
José Alberto Díez de Castro Naceu en Málaga en 1956. Profesor Titular de Universidade pertencente ao área de Organización de Empresas do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Málaga en 1978. Doutor en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago en 1989.

Imparte a súa docencia desde o ano 1984 na Universidade de Santiago e, desde 1995, no Campus de Lugo. Foi concelleiro polo Partido Popular no concello de Lugo (2003-2007). Na Universidade de Santiago de Compostela, director da Cátedra de Empresa Familiar (2005) e secretario do departamento de Organización de Empresas (1986-1989).

Vicedecano de Asuntos Económicos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago (1994-1997). Secretario da Sección Delegada da Facultade no campus de Lugo (1996-1998). Presidente da Sección Delegada da Facultade (2000-2002).

Decano-Comisario (2002-2004) da Facultade de Administración e Dirección de Empresas no campus de Lugo. Decano (2004-2008) Co-Presidente da Comisión de Redacción do anteproxecto de grao en Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela.

Membro do Claustro Universitario da Universidade de Santiago de Compostela polo sector de profesores (1994-1998; 1998-2002). Membro do Claustro polo sector de profesores funcionarios (2002-2006; 2006-2010). Presidente da Comisión Delegada do Claustro Universitario para Asuntos Económicos (período 1994-98). Membro da Mesa do Claustro Universitario (1998-2002; 2002-2006; 2006-2010). Membro da Comisión de Estatutos (2002-2006). Membro da Comisión de Titulacións (2006-2010). Ten 29 monografías, en calidade de autor, co-autor, ou colaborador.