VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- “Este Xacobeo pretendemos que sexa un Xacobeo austero, moderno, tecnolóxico e espiritual, volver recuperar o espírito do peregrino e a espiritualidade que envolve este acontecemento cultural mundial e europeo que é o Camiño de Santiago”. Así o destacou esta mañá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe, consciente de que o Camiño de Santiago é “a mellor carta de presentación de Galicia no mundo”.
“Queremos que este Xacobeo sexa único para Galicia e para cada un dos que se acheguen a Galicia e participen nel. Por iso na programación cultural buscaremos que o Xacobeo se estenda a todos os puntos de Galicia e que toda Galicia participe nesta apertura internacional que supón o Xacobeo 2010”, engadiu Alberto Núñez Feijóo, quen afirmou que, con este obxectivo, imos aproveitar o Ano Santo para implicar a todos os gobernos, ás administracións, á sociedade civil e ás autoridades eclesiásticas neste evento para que marque “un antes e un despois na Galicia universal”.
Segundo explicou o mandatario galego, o obxectivo que se marca a Xunta co Xacobeo 2010 é potenciar tanto a súa dimensión internacional, como económica, cultural e ambiental. “Temos tres obxectivos fundamentais con este Xacobeo: promover a nosa comunidade autónoma e darlle unha dimensión internacional a Galicia; facer e tentar conseguir un revulsivo real á nosa economía xa que pretendemos crecer grazas ao Xacobeo entre 0,75 e 1 punto do noso PIB para o ano 2010; e recuperar e conservar o patrimonio cultural, medioambiental e o patrimonio paisaxístico de Galicia”, abondou Feijóo, indicando que para a súa preparación xa se estableceron contactos co arcebispo e co alcalde de Santiago e que esta mesma tarde o conselleiro de Cultura e Turismo manterá unha xuntanza coa ministra do ramo.
O presidente da Xunta sinalou que hoxe o Goberno foi informado dos principais ámbitos de actuación e das liñas “inmediatas” en relación co financiamento, o acondicionamento das rutas e Camiños a Santiago, da sensibilización da poboación, da colaboración con outras entidades e das propostas máis innovadoras do Xacobeo 2010.
O Camiño a través de Google
Na súa intervención, Feijóo aseverou que “urxe desenvolver e tramitar as exencións fiscais” para buscar o maior patrocinio e os maiores recursos posibles para a realización deste evento. Así mesmo, segundo adiantou o presidente galego, o programa de promoción do Xacobeo, que será presentado no próximo mes de xuño, recolle, por primeira vez, unha aposta “clave” polas novas tecnoloxías. “Imos apostar claramente polas novas tecnoloxías como unha ferramenta de promoción inédita potentísima para atraer visitantes e peregrinos”, afirmou avanzando que xa houbo contactos con Google “para que este operador global de internet estableza a posibilidade de percorrer o Camiño na súa totalidade desde calquera ordenador de calquera parte do mundo”. “Imos abrir unha fiestra na rede de redes, en internet, onde se poida visionar o Camiño de Santiago na súa totalidade en todos os seus treitos”, engadiu.
De igual xeito, estableceranse “distintas estratexias” segundo os “distintos públicos”. “Haberá un Xacobeo infantil, un Xacobeo para maiores, un Xacobeo para estranxeiros, un Xacobeo para distintos colectivos” co obxectivo de tentar captar a atención da poboación de distintos segmentos de idade para que veñan a Compostela.
En canto ao acondicionamento de infraestruturas, Feijóo indicou que a Xunta está a realizar unha auditoría do estado real das distintas rutas do Camiño de Santiago co obxectivo de “adecentar o Camiño, facilitar o seu tránsito e facer atractiva a forma de peregrinaxe, que é a forma tradicional de facer o Camiño de Santiago”.
Por último, Feijóo lembrou que o Goberno que preside asume, na súa totalidade “o compromiso do Xacobeo 2010”, posto que é un proxecto “unitario e único” de todo o Goberno, coordinado polo conselleiro de Cultura e Turismo e supervisado directamente polo propio presidente da Xunta.
Sustentabilidade, legalidade e planificación do litoral
Na rolda de prensa posterior ao Consello, o máximo mandatario autonómico tamén informou de que o Goberno que preside vai acometer, “con carácter de urxencia” “unha difícil tarefa” pero tamén “imprescindible”: ordenar con criterios de racionalidade e de transparencia os 1.300 quilómetros de costa de Galicia.
“Temos que completar a recompilación de todos os datos de todos os departamentos, de Vivenda, de Costas, Montes e Patrimonio e para iso imos investir catro meses; temos que recuperar información dos 87 concellos galegos que teñen costa e niso imos investir cinco meses; imos facer o modelo territorial unha vez que estean finalizadas as etapas anteriores e para iso nos damos un prazo de dous meses”, explicou Feijóo incidindo en que o Goberno galego presentará o Plan de ordenación do litoral a finais do ano 2009”.
Con esta medida, segundo Feijóo, encherase “un baleiro que nos atopamos, como era a improvisación sobre o litoral en Galicia”. “O día 17 podíase volver construír en toda a costa galega como consecuencia de que non existe ningún Plan do litoral”, incidiu Feijóo sinalando que se vai manter a norma cautelar aprobada polo bipartito “mentres non haxa un plan que o substitúa”. De igual xeito, Feijóo engadiu que hoxe tamén se solucionou un problema legal “que advertimos na tramitación do Plan do litoral” do bipartito, subsanando “os incrumprimentos da Lei de Ordenación do Territorio”. O Plan do litoral iniciouse sen cumprir os requisitos desta lei, explicou Feijóo, destacando que por iso hoxe o Diario Oficial de Galicia e os dous xornais de maior circulación publican un acordo “que era preceptivo publicar xa desde maio de 2007 e non se fixo”. “Por iso hoxe comunicamos, por primeira vez a todos os concellos e as deputacións que facemos o Plan do litoral. Isto debería terse comunicado en maio do ano 2007, podiamos ter problemas de legalidade por non cumprir o procedemento de elaboración do Plan do litoral que hoxe subsanamos coa orde que acaba de presentar o conselleiro de Medio Ambiente”, concluíu.
Novos nomeamentos
Feijóo explicou que o nomeamento do xornalista Alfonso Cabaleiro Durán como secretario xeral de Medios, procura a busca da “maior transparencia” e unha “mellor e maior comunicación” cos medios en Galicia, cunha “vocación clara” de servizo público. É o primeiro paso, proseguiu o presidente, para pactar nas vindeiras semanas o nomeamento do director da Compañía de Radio Televisión de Galicia.
Sobre á designación de Anxo M. Lorenzo Suárez como secretario xeral de Política Lingüística, Feijóo sinalou que se trata dun lingüista “independente” que o Goberno autonómico ficha co compromiso de “consensuar” o novo decreto de Política Lingüística. Un compromiso, engadiu, de derrogar o anterior decreto e facer un novo “desde o consenso, desde o acordo e desde a convivencia pacífica entre o galego e o castelán”. Este nomeamento, dixo, ”supón unha aposta clara por incluír outro independente no Goberno da Xunta co compromiso de consensuar o bilingüismo cordial e amable das rúas no ensino a na vida administrativa e política na comunidade autónoma”. Os seu obxectivo fundamental será, en palabras do presidente, “facer compatible a promoción do galego e a liberdade lingüística”.
Investir en portos pesqueiros
O Goberno afonda no seu plan de austeridade a través dunha decisión da Consellería do Mar de anular a construción do edificio administrativo da Xunta que ía albergar a sede de Portos de Galicia, valorado en 9,5 millóns de euros, para destinar esa contía “na súa totalidade” a investimentos nos portos pesqueiros.
Insuficiencia orzamentaria de 330 millóns de euros
Na súa intervención deu conta tamén da situación económico financeira do SERGAS co que, concretou, “se volve constatar que estamos ante un presuposto irreal”. Ademais do burato rexistrado no orzamento de ingresos da Xunta de máis de 600 millóns, agora, na sanidade pública galega, se advirte “unha insuficiencia orzamentaria estimada de 330 millóns”, o que, a xuízo do presidente, significa que estamos ante “importantes tensións económicas, financeiras e orzamentarias” no SERGAS.
“Aos 330 millóns de euros –afirmou- hai que engadirlle a falla de presupostos adveritos no capítulo de investimentos do SERGAS”. Tanto na finalización do hospital de Lugo como no novo hospital de Vigo e de Pontevedra.
O orzamento para sanidade que se aprobou no Parlamento para o ano 2009 é inferior ao gasto real do ano anterior, polo que “temos menos diñeiro para a Sanidade do que xa gastamos no 2008”, e subliña que os desfases son evidentes en partidas coma a farmacéutica, as nóminas, a contratación de persoal, e o gasto corrente
Logo de expoñer os datos dun informe que está a preparar a Consellería de Sanidade presentado hoxe ao Consello da Xunta, o mandatario galego reiterou o compromiso do seu Goberno pola sanidade pública e por reducir as listas de espera e mellorar a calidade do sistema sanitario.
Así mesmo, adiantou que a conselleira de Facenda comparecerá o próximo martes no Parlamento para facer un informe “minucioso” dos datos financeiros do Servizo Galego de Saúde e da situación económica financeira doutras consellerías e das contas públicas de Galicia.