VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O vicepresidente provincial e deputado de Cultura, José Juan Durán, presidiu hoxe no Pazo da Deputación á segunda edición do recital “Entre a música e a palabra”, co que o organismo provincial rende homenaxe ó Día das Letras Galegas.
Os protagonistas da xornada foron os alumnos do instituto Valle-Inclán, encargados de ler textos de Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e do homenaxeado deste ano, Ramón Piñeiro.
A exaltación musical coa que se conxugou a Festa das Letras Galegas desenvolveuse a través de dúas vertentes, a clásica, a cargo do Quinteto Divertimento, que interpretou as pezas “Negra sombra” de Montes, o “Divertimento nº8” de Mozart e “Two Joplin Rags” de Scott Joplin, e a tradicional, representada neste caso pola banda de música folk do pontevedrés Óscar Ibáñez, que recreou versións das pezas “Muiñeira do Marreco”, “Bicho carpinteiro”, “Irish Session” e “Rías Baixas”.
Durán salientou o importante labor de salvagarda da nosa lingua que está a levar a cabo á Deputación apuntando que, “desde 1983, o Servizo Editorial ten publicado máis de 600 títulos, con tiradas nunca inferiores ós 1.000 exemplares, o que representa un total de máis de 600.000 publicacións, das que máis do 80% son editadas en galego”
Potenciación do galego
O vicepresidente presidente salientou que “o Servizo de Publicacións da Deputación vén desenvolvendo nos últimos anos unha política de diversificación nas súas publicacións, que se fai patente nas numerosas coleccións que integran o seu fondo editorial.
O decidido apoio ó mundo da investigación e o notable incremento, tanto en cantidade como en calidade, de estudos neste campo motivou a creación da colección “Publicacións periódicas”, unha nova fonte de información periódica e actualizada. Na citada serie insírense tres revistas, publicacións seriadas compostas por artigos e traballos de investigación do campo das Ciencias sociais, Humanidades e Sociolingüística: Pontevedra. Revista de estudios provinciais, Pontenova. Revista de novos investigadores e Pontenorga. Revista de estudios sociolingüísticos.
Entre os obxectivos da Deputación, Durán salientou “a promoción non só da nosa lingua, senón tamén do noso patrimonio, queremos estimular e difundir, tamén entre a xente máis nova, o coñecemento da nosa realidade histórica, social e cultural.
“Por iso”, recoñeceu, “sempre impulsaremos o galego. Así como as novas tecnoloxías, porque temos de adaptarnos ós tempos”. Neste senso, Durán apostou pola “permanente adecuación ó cambio, que sirva para fortalecer a biblioteca tradicional e incorpore paulatinamente a biblioteca virtual, utilizando deste xeito as novas tecnoloxías ó servizo da universalización do acceso á información e á cultura”.
Coleccións da Deputación
Durán salientou tamén a importancia das distintas coleccións que edita a Deputación: “A provincia en imaxes”, “Arte”, “Arte & Estética”, “Benito Soto”, “Ensaio e Investigación”, “Especiais de Etnografía, Socioloxía e Antropoloxía”, “Fillos ilustres da provincia de Pontevedra”, “Helenes”, “Heráldica e Xenealoxía”, “Infantil”, “Natureza Galega”, “Patrimonio Documental da Provincia de Pontevedra”, “Plan de Organización de Arquivos Municipais”, “Poesía e narrativa”, “Publicacións periódicas”, “Reedicións e Facsímiles”, “Tambo” e “Cíes”.
“Coleccións todas elas”, explicou, “que veñen reivindicar o auxe do coleccionismo postal, da arte, da actividade artística, da poética, da investigación, das obras independentes, das interrelacións humanas, das vidas de persoeiros locais, da vida da propia cidade ou as mesmas labras heráldicas da zona monumental, do antigo casco vello amurallado. Pero tamén volcadas no mundo da infancia, na conservación da natureza e na difusión da fauna e a flora galegas, no patrimonio documental dos concellos, no inventariado dos arquivos municipais e aínda tamén na narrativa ou na publicación de novos autores e a recuperación de vellos títulos descatalogados e facsímiles”.