MADRID (MORRAZO-tribuna) .-A Comisión de Medio Ambiente aprobou este mediodía por unanimidade, a proposición non de lei da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, na que se insta ao Goberno a suspender cautelarmente a concesión de novos aproveitamentos hidroeléctricos na conca do Miño-Sil, mentras non se realicen os estudos de impacto medioambiental e social dos encoros e minicentrais existentes, e mentras non se fixen as novas normas de planificación sectorial en aplicación da Directiva marco de auga.
A Comisión mencionada debatía esta mañá unha proposición de Davila sobre novos proxectos de aproveitamentos hidroelécticos no ámbito da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A deputada do BNG aceptou transaccionar un acordo co grupo popular e co grupo socialista xa que mantén integramente os requerimentos realizados polos nacionalistas galegos, ademáis de estar baseada nun acordo do Parlamento galego.
Ademáis, o acordo insta ao Goberno a proseguer coa tramitación dos expedientes de caducidade sobre as concesións de aproveitamentos hidroeléctricos conforme ao establecido na lei, e pede a revisión da situación xurídica dos títulos concesionarios que amparan este tipo de infraestruturas en función de determinar o grao de cumprimento dos condicionantes e características de outorgamento, “coa adopción de medidas de cara a extinción de aqueles que se atopen en situación de irregularidade”.
Demasiadas centrais hidroeléctricas para esta conca
Davila puxo de manifesto na súa intervención a “elevada presión que soporta a conca hidrográfica Miño-Sil, onde están emprazadas 77 centrais hidroeléctricas. Máis do 80% se sitúan en territorio galego, e unha grande parte son grandes encoros”.
Ademáis, subliñou, “no Estudo sobre a demarcación hidrográfica Miño-Limia, recoñécese que a producción hidroeléctrica estimada é de 2,71 Gw/ano, cifra moi relevante en relación coa superficie da conca”.
A pesar destes dados, afirmou Davila, “hai que sumar novos proxectos de encoros que se atopan en diferentes fases de tramitación, e cuxa autorización corresponde en último lugar ao Ministerio de Medio Ambiente”.
Neste sentido, salientou o feito de que “estamos a falar dunha conca que xa sofre un enorme impacto medioambiental, paisaxístico, socioeconómico e tamén cultural”.
Necesidade de paralizar novas solicitudes
Destacou a preocupación do BNG por este tema xa que non “é a primeira vez que traemos iniciativas sobre o aproveitamento hidroeléctrico na conca do Miño-Sil”, e enunciou o proxecto de 3 minicentrais no concello de Arbo, “un concello onde ten un grande peso a pesca fluvial que se vería afectada por este tipo de construccións”.
A parlamentar nacionalista aludiu á unha recén resposta do Goberno ao BNG na que detallaba as concesións outorgadas así como as denegadas e as que están en trámite. “Precisamente nesta resposta se clarifica e se evidencia o excesivo número de solicitudes de minicentrais”. Así explicou que na información do Goberno se sinalaba que en Lugo, con 62 solicitudes, concedéronse 14, denegáronse 31 e 17 están en trámite. Ourense con 109 solicitudes, concedéronse 32, denegáronse 60 e 17 están en trámite. E Pontevedra con 17 expedientes incoados, 5 concedidos, 11 denegados e 1 en trámite.
Para a deputada do BNG “isto profundiza a nosa preocupación polo impacto medioambiental, socio-económico, e cultural que este tipo de construccións hidroeléctricas teñen”. Tamén asegurou “non entender o feito de que Galiza exporte electricidade e haxa tanta necesidade de facer infraestruturas hidroeléctricas cando se está a impulsar outras alternativas como a eólica, e sobre todo, cando existen xa tantos encoros”.