11 mayo 2009

El Bloque quiere que el Gobierno vea la fibromialgia como enfermedad incapacitante

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, presentou esta mañá en rolda de prensa unha iniciativa pola que se insta ao Goberno a que recoñeza a fibromialxia como enfermidade incapacitante, unha medida que xa foi adoptada noutros países do noso entorno. Pérez Bouza estivo acompañado pola presidenta da Asociación Galega de Fibromialxia (AGAFI), Dolores Bermúdez.

O senador nacionalista denunciou a “incomprensión e indefensión” que sofren a diario as persoas que padecen fibromialxia,unha enfermidade crónica recoñecida pola OMS dende 1992 pero que, no Estado español non está recoñecida como incapacitante.

Neste sentido, lembrou que “as asociacións de persoas afectadas por esta enfermidade reclaman dende hai anos a necesidade de mellorar a atención sanitaria, fundamentalmente na fase de diagnóstico, e a cobertura social derivada do recoñecemento da fibromialxia como unha enfermidade crónica que pode chegar a ser invalidante”.

Unha enfermidade invisíbel que afecta principalmente ás mulleres

Pola súa parte, Dolores Bermúdez lembrou que “esta enfermidade conleva moita incomprensión e invisibilidade para as persoas que a padecen porque non se coñece na sociedade e non existe un protocolo de diagnóstico sanitario para detectar e cuantificar os seus síntomas, o que provoca que os médicos minusvaloren os seus efectos e mesmo cheguen a considerar que se trata dun problema psicolóxico”.

Ao non estar recoñecida como enfermidade incapacitante, as persoas que a padecen tampouco poden solicitar baixas laborais ou prestacións sociais.

Padécea o 2,7% da poboación

Ademais, a presidenta de AGAFI salientou que se trata dunha enfermidade que afecta en máis do 90% dos casos ás mulleres, cunha prevalencia estimada do 2,7% da poboación no Estado español – o 4,2% das mulleres e o 0,2% dos homes-. En Galiza, segundo datos de AGAFI, o 6% das consultas en Atención Primaria e o 20% en reumatoloxía son de persoas que padecen fibromialxia.

Ante esta situación, a iniciativa do senador do BNG insta ao Goberno a “recoñecer a fibromialxia como unha enfermidade incapacitante (....) e a deseñar os mecanismos de valoración da mesma para que poidan ser aplicados nas valoracións por minusvalías”.

Adaptar os postos de traballo ás condicións físicas das persoas que sofren esta enfermidade

No eido laboral, a moción do BNG demanda que “se promova, de acordo coas Comunidades Autónomas, as liñas de atención, asesoramento e apoio aos traballadores e traballadoras con fibromialxia e fomente, a través da negociación colectiva e da elaboración de plans de igualdade, a adaptación dos postos de traballo ás súas condicións físicas”.

Mellora da atención sanitaria

Por último, a iniciativa do BNG demanda que se mellore a atención sanitaria ás persoas afectadas por esta doenza. En concreto, insta ao Goberno a “intensificar, de acordo coas Comunidades Autónomas, a labor de sensibilización e formación específica sobre a fibromialxia do persoal sanitario, concretamente a atención primaria, coa promoción consensuada de protocolos de diagnóstico, tratamento e incapacidade, e coordenados con especialistas”.