VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A variación interanual do IPC en Galicia situouse no -0,6% ao finalizar o mes de abril. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior decreceu catro décimas máis que a media do conxunto de España (-0,2%). Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE), que recollen que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) medrou o pasado mes, un 1%, igual que o conxunto de España.
Na evolución por capítulos, os grupos que tiveron un comportamento menos inflacionista en abril foron o de “Vivenda” (-2,3%) e “Alimentos e bebidas non alcohólicas” (-0,1%). Por outra banda, o grupo cunha maior suba dos prezos foi o de “Vestido e Calzado” (8,1%).
Na evolución interanual, os grupos que rexistraron unha maior caída do IPC foron “Transporte” (-7,5%), “Vestido e Calzado” (-1,6%) e “Vivenda“ onde os prezos decreceron un -1,5%. Pola contra, os grupos que presentan unha maior subida son “Ensino” (4,3%), “Bebidas alcohólicas e tabaco” (3,6%) e “Hoteis, cafés e restaurantes” cun 3,5%.
Índices provinciais
En relación cos índices provinciais, todas as provincias galegas mostran unha baixada dos prezos en termos interanuais, excepto A Coruña onde os prezos permaneceron invariables. No que a variación intermensual se refire, a provincia que tivo un comportamento menos inflacionista foi A Coruña, na que os prezos medraron un 0,9%.