VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva, deu conta hoxe na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia da situación da Axencia Galega da Emerxencias (Axega), na que, segundo explicou, “non hai persoal técnico especialista en ningún tipo de emerxencias”.
Villanueva revelou que unha vez posta en marcha a Axega polo anterior Goberno, á hora de dotala de efectivos “en ningún caso se contratou persoal técnico de emerxencias”, mentres que o que si se fixo foi comprar “un montón de material”, aínda que as funcións da axencia sexan de coordinación e, como xa apuntou, non conte con persoal para a mobilización deses recursos.
Nese sentido, indicou que cando no 23 de xaneiro tivo lugar a primeira emerxencia dende que entrou en funcionamento a entidade, o paso do ciclón Klaus por Galicia, non se desplazou ningún dos recursos cos que contaba a axencia, pese a que teoricamente estaban preparados para afrontar a situación.
O director xeral enumerou a lista dos medios comprados por Axega na súa corta andaina, que sumaron case 2,6 millóns de euros. Entre as adquisicións destacan un simulador de conducción de bombeiros por case medio millón de euros, dous vehículos de comunicacións por máis de 200.000 euros e, sobre todo, un conxunto de vehículo cabeza tractora e seis semirremolques carrozados por máis dun millón de euros.
Sobre estes últimos, Santiago Villanueva lamentou que se mercasen seis semirremolques e unha soa cabeza tractora, de tal xeito que a súa mobilización é moi limitada en caso de necesidade. Ademais, o feito de que a cabeza tractora non sexa universal impide que calquera camión poida mover os remolques.
Prioridades de actuación
Finalmente, o director xeral tamén avanzou as prioridades máis inminentes a levar a cabo ao respecto de Axega, entre as que citou a potenciación da xestión da emerxencia e mobilización dos recursos existentes na comunidade, optimizando o seu emprego e a coordinación dos efectivos humanos e medios materiais dispoñibles.
Así mesmo, anunciou que se levará a cabo unha actualización completa e permanente dos protocolos de actuación dos axentes intervintes nas emerxencias, coa elaboración e actualización continuada de catálogos de medios dispoñibles e profundizando en fórmulas de colaboración entre corpos de intervención.
Por último, explicou que, sobre o centro de referencia de atención de emerxencias 112, que xestiona e coordina Axega, levaranse a cabo accións inmediatas de mellora que permitan afrontar con maiores garantías as posibles continxencias que poidan xurdir.