20 mayo 2009

El Pacto por la Educación llega cinco años tarde según la Xunta

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, declarou hoxe ao remate da Conferencia de Educación celebrada en Madrid que o Pacto pola Educación formulado polo ministerio chega cinco anos tarde “e non recolle todos os grandes temas da Educación”.

Vázquez Abad amosouse escéptico porque só se fala de promesas e non se concretaron aspectos que considerou básicos. Non obstante admitiu que “ninguén pode negarse a ese pacto salvo que sigan sen incluírse puntos esenciais como a inclusión do Estatuto da Función Pública Docente; un modelo de avaliación nacional que sexa censal, obxectivo e externo, e a reforma da educación secundaria, bacharelato e formación profesional”.

O conselleiro de Educación que, desde outros ámbitos xa viña loitando desde hai anos por un pacto educativo de alcance estatal engadiu que nada do reclamado poderá chegar a bo porto sen un fondo de cohesión territorial que sustente a vertebración do sistema. “De feito practicamente só escoitamos boas palabras do ministro, pero o que queremos son probas; non podemos seguir máis tempo con financiamento cero, porque sen recursos non poderemos abordar nin problemas como o do abandono ou o do fracaso escolar”.

Sobre o Plan Escuela 2.0. e os polémicos ordenadores portátiles para alumnos de quinto de primaria en adiante, o ministro falou de que formaba parte do plan de incorporación da escola ás tecnoloxías da información e a comunicación “pero nin ofreceu nada, nin concretou nada, aínda que chegou a dicir que é necesario contar coas comunidades autónomas. Desde o punto de vista da Consellería, pensamos que houbo demasiada improvisación e descoordinación. Sen recursos, o anuncio dos ordenadores pareceunos un simple slogan cheo de boas intencións e falto de consistencia”.

Sobre o particular, a Consellería considera que co proxecto gubernamental de dotar de portátiles aos alumnos houbo incluso invasión de competencias coas comunidades autónomas, a súa utilidade pedagóxica é discutible, e non está garantido que se trate de ordenadores funcionais en canto a deseño, resistencia ou protección. A Consellería defende, ademais, que se entreguen con internet subvencionado e que non haxa que abonar o canon dixital.