VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, interveu hoxe no Pleno da Cámara para dar resposta a unha interpelación relativa á reforma do sistema de Financiamento Autonómico. Así, a conselleira informou de que o Goberno galego está a realizar os primeiros contactos co Goberno central a fin de coñecer as cifras que conforman o modelo previsto na proposta de reforma; sen que polo momento se concretasen por parte do Estado, nin as contías dispoñibles para cada un dos fondos nin o ano que vai servir de base para o novo modelo. A titular de Facenda apelou ao consenso dos grupos políticos que conforman a Cámara galega (PSdeG, BNG e PPdeG) para abordar con éxito a reforma do sistema de financiamento e explicou o posicionamento da Xunta de Galicia no proceso de negociación, no que o obxectivo prioritario é “preservar que a participación da Comunidade de Galicia no novo sistema de financiamento non debe alterar a súa posición relativa respecto do vixente”, destacou.
Con respecto ás liñas básicas do novo modelo, Marta Fernández Currás, salientou que o principio básico para a articulación do modelo debe ser unha axeitada cobertura das necesidades de gasto de todas as Comunidades Autónomas. Deberá garantir a igualdade plena de todos os cidadáns no acceso a todos os servizos públicos, tanto na posición de partida como no curso da súa futura evolución, e sempre con independencia do seu lugar de residencia.
Ademais, segundo expuxo a conselleira, de cara a garantir plenamente o principio constitucional de solidariedade, a aplicación de principios relacionados co esforzo ou a capacidade fiscal relativos a un territorio, así como o establecemento de mecanismos de nivelación deben garantir as necesidades de gasto antes sinaladas. Neste sentido, a porcentaxe de recursos tributarios que deben destinarse ao Fondo de Garantía de Servizos Públicos Fundamentais deberá acomodarse á experiencia existente na xestión presupostaria das Comunidades Autónomas.
Así mesmo, a conselleira de Facenda sinalou que o modelo debe contemplar e concretar a fórmula que se pretende empregar para aproximar a recadación normativa á real dos tributos cedidos –Imposto de Sucesións e Doazóns e Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados-.
A ponderación da variable relativa á dispersión da poboación deberá experimentar incrementos significativos sobre a existente no modelo vixente na actualidade, de xeito que estes se aprecien en termos relativos e absolutos, ofrecendo máis fondos que os que proporciona a aplicación desta variable no momento actual.
A nova variable que se propón incorporar ao modelo en relación ca poboación menor de 18 anos, vinculada á educación. O Goberno galego ve necesario que o financiamento do servizo educativo teña en conta tanto os custos fixos coma os custos variables que resultan da súa prestación. Ao mesmo tempo, advertiu de que a consideración desta variable de poboación só atende directamente ao custo variable e esquece os matices que se derivan da existencia e rixidez dos custos fixos, polo que a súa determinación deberá realizarse corrixindo a súa ponderación en función de parámetros representativos dos mencionados custos fixos, entre os que ocupa un lugar destacado o número de centros educativos existentes en cada comunidade.
Marta Fernández Currás explicou tamén que, o modelo ten que mellorar a consideración da variable representativa do avellentamento da poboación. Deste xeito, debe considerar os sete tramos de poboación considerados polo grupo de traballo do gasto sanitario consonte as ponderacións que se atribúen a cada un destes tramos. Para os efectos de servizos sociais e dependencia, o modelo debe considerar polo menos dous tramos de poboación maior de 65 anos.
Finalmente, a titular do departamento de Facenda, subliñou a necesidade de que o sistema considere a lealdade institucional ca importancia que merece e que esta se entenda dende unha perspectiva máis ampla: non só na relación directa entre Estado e Autonomías, senón tamén na indirecta e mesmo entre Comunidades. Neste sentido, o novo modelo deberá garantir na evolución dos distintos fondos do modelo -Garantía Servizos Públicos Fundamentais, Suficiencia e Converxencia- a neutralidade dos cambios lexislativos adoptados polo Estado, e que non existan compensacións nin transferencias adicionais a aquelas comunidades que exerzan competencia fiscal á baixa.