19 mayo 2009

Final de la Liga Provincial de Golf patrocinada por Deputación

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-As instalacións do Ría de Vigo Golf acollerán o vindeiros días 22, 23 e 24 de maio a final da primeira edición da Liga Provincial Interclubs de Golf. O evento deportivo foi presentando hoxe no Pazo Provincial polo deputado delegado de Deportes, José Enrique Sotelo; polo presidente e delegado do Comité de Competición do Golf Ría de Vigo, Rolando Martínez e José Carlos Vidal; polo presidente do comité de competición do Aeroclub de Vigo, José Manuel Taboada; e finalmente, polo xerente de Golf Mondariz, Rogelio Villanueva.
Sotelo destacou que “é a primeira vez que se fai un evento destas características na provincia a pesar de que o golf é a 3º modalidade en canto a número de licenzas despois do fútbol e da caza (12.000 en Galicia e preto de 4.000 na provincia de Pontevedra)”.
O responsable de Deportes da Deputación comentou que con esta acción “pretendemos desmitificar o concepto elitista que ten o golf ademais de fomentar a súa práctica e as relacións entre os distintos clubs da provincia”.
Están a participar nesta liga un total de 365 xogadores diferentes. Ata o momento xa se celebraron fases previas en Mondariz con 140 participantes; en Meis con 200 e en Vigo con 240. Os promotores da iniciativa calculan que concorrerán á final deste fin de semana 200 participantes, segundo especificou Rolando Martínez.
O presidente do Comité de Competición do Golf Ría de Vigo avanzou que en vista do éxito que rexistrou esta liga teñen a pretensión de organizar un circuíto interclubs a nivel galego, e concretamente, con clubs do sur de Galicia e de Ourense.