VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O vicepresidente da Deputación, José Enrique Sotelo; o presidente do Club de Natación Sincronizada de Pontevedra, Jesús Cazorro; o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño; e o técnico deportivo, Félix Arias presentaron hoxe a cuarta edición do Trofeo Deputación de Pontevedra de Natación que se disputará o sábado 23 de maio na piscina da Escola Naval de Marín a partir das cinco e media da tarde.
Participarán no evento deportivo 140 nadadoras procedentes de seis clubs de toda Galicia, concretamente, o Club Aguamarina Sincro de A Coruña; o Club de Natación Galaico Sercoysa; o Club de Natación Sincronizada Ourense; o Club de Natación Sincronizada Portamiñá de Lugo; o Cexesga da Estrada; e o Club de Natación Sincronizada de Pontevedra.
As nadadoras competirán nas categorías de iniciación, base e nivel e traballarán en dúos, combos e equipos.
O presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, que tamén é o responsable a nivel estatal do deporte de natación sincronizada agradeceu o respaldo que a Deputación presta dende hai catro anos a este deporte que está en proceso de consolidación. Segundo especificou “en España actualmente so existen oito equipos que traballan en todas as categorías pero esta disciplina está en fase de desenvolvemento de xeito que en catro u cinco anos acadaremos o nivel superior”. Sobre este respecto Touriño non descartou que algunha deportista da provincia poida participar no equipo nacional de cara ós Xogos Olímpicos de 2016.
Pola súa banda, Jesús Cazorro puxo de relevo a importancia da práctica deportiva en xeral, non só o deporte de alto nivel, posto que constitúe un aprendizaxe importante para a vida. Segundo sinalou “o deporte educa en valores, é dunha disciplina para a vida, e ensínanos a traballar en equipo”. Finalmente, recordou que a Natación Sincronizada está considerado dende o ano 84 como deporte olímpico.