08 mayo 2009

Formidable proyecto medioambiental de la Deputación de Pontevedra

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presentou hoxe no Pazo Provincial o proxecto Ecoredesaneasol, cofinanciado a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP) orientado á mellora dos sistemas de saneamento e depuración da área xeográfica transfronteiriza do norte de Portugal e a provincia de Pontevedra, con incorporación de sistemas novidosos de aforro enerxético.
O proxecto, no que participan tamén a Comunidade Intermunicipal do Vale do Minho, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) e as Câmaras Municipais de Monção, Valença, Vila Nova de Cerveira, Melgaço e Paredes de Coura, terá un custo total de 3.750.000 euros, e conta como data de remate co mes de decembro de 2010.
Plan de valorización dos catro ríos
A Deputación de Pontevedra participará activamente no proxecto mediante unha achega de 1.350.000 euros, dos que 975.000 euros será sufragados polos Fondos FEDER, que servirá para levar a cabo un plan de valorización e recuperación ambiental en varios concellos das cuncas hidrográficas dos ríos Ulla, Umia, Lérez e Verdugo.
Deste xeito, explicou Louzán, “instalaranse cinco plantas depuradoras en puntos estratéxicos de concellos ubicados nas cuncas fluviais dos catro ríos, que contarán cunha infraestrutura de subministro de enerxía solar a través de paneis fotovoltaicos e disporán dun tanque de recollida da auga depurada que servirá como punto de recollida de auga para camións cisterna en caso dunha emerxencia de incendio forestal”.
“Isto”, aclarou o vicepresidente, “suporá un importante aforro enerxético, posto que o sistema de subministro eléctrico a través de enerxía solar permitirá unha redución de gasto na factura final do consumo eléctrico, de entre un 20 e un 25%”.
“Como media”, engadiu Louzán, “unha depuradora de aireación biolóxica en planta compacta consume unha media de 12 quilovatios. A instalación fotovoltaica produce aproximadamente 3,2 quilovatios. Esta produción enerxética, ademais, está primada por tratarse de enerxía renovable, o aforro en termos económicos será aínda superior”.
Obxectivo da iniciativa
En verbas do presidente, “co proxecto Ecoredesaneasol desenvolverase o potencial ambiental e o aproveitamento sustentable e regrado dos recursos existentes dos distintos lugares. Isto contribuirá a rexenerar a vexetación fluvial e a conservar o patrimonio, o que supón unha aposta polo valor dos recursos naturais da zona, e facilitar o acceso da poboación ó patrimonio local como forma de dinamización e promoción rexional”.
Por último Louzán lembro que “nos pasados anos a Deputación executou os proxectos DEPUTRANS e REDESANEA, cunha inversión de máis de 6 millóns de euros financiados con fondos europeos, que permitiron instalar un total de 37 plantas depuradoras e mellorar os sistemas de saneamento de diferentes núcleos de poboación da nosa provincia que carecían destas infraestruturas básicas medioambientais”.