VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, apadriñou no Pazo Provincial a presentación pública do acto de irmanamento entre os Concellos de Vilanova de Arousa e a Pobra do Caramiñal que promoven os alcaldes Gonzalo Durán e Isaac Maceiras.
O acto terá lugar o vindeiro 23 de maio na ría de Arousa, nun punto equidistante entre ambos concellos (a 2,5 millas de ambos municipios e a media milla de Punta Cabalo da Illa de Arousa). Segundo informaron Durán e Maceiras disporanse tres barcos de pasaxeiros nos que se darán cita autoridades, colectivos do mar, do mundo empresarial, cultural e social de ambas marxes da ría. Ata o momento xa confirmaron a súa presenza a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o titular da Deputación, Rafael Louzán.
Con este acto simbólico os Concellos da Pobra e de Vilanova pretenden estreitar a súa amizade pero tamén abrir novas liñas de cooperación no ámbito turístico, na promoción do emprego e do tecido económico; e tamén na difusión da figura de Ramón María del Valle Inclán tan ligada a ambos municipios.
Ruta turística en catamarán pola ría de Arousa
Isaac Maceiras comentou “nós somos o mar, as praias de Compostela e agora que vamos a vivir un ano Xacobeo queremos transmitilo á outra parte da ría de Arousa”. Neste senso, anunciou que se vai a habilitar unha ruta en catamarán que durante a época estival e os días de mercado (mércores en Vilanova e Venres en A Pobra) percorrerá a ría de Arousa, os bancos de marisco e sa bateas de mexilón.
Pola súa banda, Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova, avanzou os proxectos futuros que queren impulsar ambos concellos. Pretenden explotar e potenciar do turismo cultural que considera é unha fonte de riqueza “porque o que atrae xente á comarca tamén atrae cartos á comarca”; e pretenden tamén impulsar proxectos que permitan conservar a riqueza da ría “deixar de ser cazadores para ser cultivadores”.
Balnearios de auga de mar
Finalmente, avanzou a intención de ambos concellos de fomentar e promover a creación dunha rede de balnearios de auga do mar. Unha proposta que “pode atraer un turismo de saúde e de calidade de vida que pode ser un referente turístico na ría de Arousa”, aseverou Durán.
A este respecto, o alcalde de Vilanova agradeceu o apoio da Deputación que a través do proxecto europeo “pousadas xardíns” financiará a creación dunha pousada anexa ó balneario de Vilanova que será unha realidade nos vindeiros meses.