VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Xunta de accionistas da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) designou esta mañá os seis novos conselleiros elixidos pola Xunta de Galicia para representala no Consello de Administración da entidade, formado en total por once membros. Se trata de Luís Alberto Lamas Novo, Justo de Benito Basanta, Javier Bobe Vázquez, Eugenio García Lalinde, Francisco Conde López, e Ángel Bernardo Tahoces. Fenosa non cambiou a ningún dos seus cinco representantes. Seguidamente, o novo Consello nomeou a Luís Lamas como novo presidente da sociedade, que exercerá dende hoxe todas as funcións executivas e representativas da sociedade.
A continuación, o Consello de Administración mantivo unha reunión co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na que éste deu a benvida aos novos delegados e informou do inicio da auditoría ambiental, administrativa e legal que se está a realizar a SOGAMA. O estudo foi encargado á consultora Idom, que terá dous meses e medio de prazo para presentar as conclusións.
Hernández precisou que o obxectivo último do Goberno galego consiste en que a entidade retorne o antes posible á normalidade, “logo dunha época na que a xestión da planta viuse ensombrecida por unha serie de denuncias e conflitos laborais que é necesario aclarar de inmediato”.
O conselleiro amosouse convencido de que “nesta nova etapa, Sogama volverá a centrarse exclusivamente na súa función, que consiste en xestionar de xeito eficaz os residuos sólidos da nosa comunidade. Pero, para elo, debemos coñecer a situación real de partida co obxectivo de tomar as decisións que sexa necesario ”.
Novo presidente
A persoa que dende hoxe exercerá as funcións de presidente de Sogama é o avogado lucense Luís Lamas, profesor da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo, do que foi subdirector. No ámbito profesional desempeñou o cargo de asesor xurídico da Mutua Galega en Lugo e Castela-León, ademais de manter o exercicio da avogacía en despacho propio, enfocado á asesoría de empresas. No terreo político, foi presidente de Novas Xeracións do PP de Lugo dende 1991 ata 2001 e concelleiro do concello lucense entre os anos 1995 e 2003, entre outras funcións. Tamén é comentarista e columnista en diversos medios de comunicación.