19 mayo 2009

Hernández pide cuentas a Fomento por el estado de la A-6 en Pedrafita

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- .- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, enviou unha carta ao secretario de Estado de Infraestruturas, Víctor Morlán, para transmitirlle a preocupación da Xunta de Galicia pola situación na que se atopa a autovía A-6 en Pedrafita, e interesarse polas previsións do Ministerio de Fomento respecto á posta en servizo do treito afectado polo desprendemento de terras.

O responsable de obras públicas da Xunta de Galicia enviou a misiva logo das últimas informacións aparecidas nos medios, nas que se apunta a que as obras poderían dilatarse por espazo dun ano.

A consellería de Medio Ambiente pretende coñecer a situación actual dos traballos que se están a executar, o alcance real dos danos producidos na infraestrutura, as solucións plantexadas para resolvelos e os prazos previstos polo Goberno central para que a vía de alta capacidade poida entrar en servizo de novo en toda a súa lonxitude.

Na carta, Agustín Hernández insiste na importancia do asunto e chama a atención de Morlán sobre o impacto que o corte está tendo sobre os usuarios desta vía de acceso a Galicia.

Por este motivo, a Xunta considera que se trata dun asunto da máxima urxencia e solicita a Fomento que xestione as obras necesarias coa celeridade que require a situación.