A vida de Xaime Enríquez (1943-2008) transcorreu entre o seu Ourense natal e Cangas, onde a familia tiña casa e longo arraizamento. Dende mozo participou na vida cultural e política galega, na actividade de resistencia ao franquismo. A súa profesión de distribuidor de libros facilitoulle o contacto con xentes de todos os puntos de Galiza que souberon apreciar a súa cordialidade e a súa amizade.
En Cangas contribuíu á fundación da Asociación Cívico-Cultural Xiria –da que foi un activo membro- e na súa adega de Cimadevila acolleu a numerosos grupos de teatro participantes na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo. Xaime Enríquez, gran recitador, prestou a súa cálida e rexa voz a numerosos recitais e actos poéticos nos que tomou parte constantemente, xa fosen polo Día das Letras Galegas, o Festival da Poesía do Condado, a homenaxe a Bernardino Graña ou a lembranza e reivindicación dos Mártires do Anguieiro e de todos os demócratas e republicanos represaliados pola sublevación fascista. A súa actividade foi tamén moi intensa con ocasión da catátrofe do Prestige.
Todas as persoas que tiveron a ocasión de escoitar os contos de Xaime Enríquez coinciden en resaltar a súa arte de mestre da narración oral. Os seus contos fóronse espallando moitas veces na súa propia voz ou contados por outros narradores. Un deses contos, “O doutor Salgado e o lobo”, foi así retomado por Manuel Rivas dentro da súa novela “Os libros arden mal”. Agora, a editorial Laiovento acaba de publicar, dentro da súa colección “Cadernos” unha escolma dos contos de Enríquez.